O Camiño de Santiago será o protagonista esta fin de semana en Tui coa celebración do II Forum Peregrino na antiga cárcere, na rúa Sanz. Está organizado pola asociación Iacobus en colaboración co Concello de Tui.

O Forum foi presentado esta mañá na casa do concello de Tui polo alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de cultura en funcións, Eduardo Freiría, e Alfonso Ferreiro e Juan José Sánchez da Asociación Iacobus.

O obxectivo é sentar as bases de cara o Ano Santo e dar a coñecer diferentes camiños de peregrinación a Santiago, así como reunir nun evento aos grandes expertos do Camiño de Santiago.

O sábado, baixo o título “O Camiño Portugués por Tui”, a actividade dará comezo ás 10.00h co acto de apertura a cargo do alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín. Ás 10.30h Rafael Sánchez Bargiela presentará “O Camiño portugués en Tui” e ás 11.30h será a quenda de Enrique Repiso do albergue de Ames que disertará sobre “Un proxecto social no camiño portugués”. Ás 12.30h Rodrigo Cerqueira falará sobre o Camiño de Santiago a Fátima e ás 13.15h. Luís Ferreira sobre “O peregrino do s. XXI”.

O Forum continuará o domingo pola mañá co título “Ollando cara outros camiños” no que falarán doutros camiños de peregrinaxe. A xornada comezará ás 10.30h cun relatorio a cargo da Associação dos Amigos do Caminho de Santiago de Viana do Castelo sobre o Camiño Portugués pola Costa e acto seguido, ás 11.30 sobre o Caminho da Geira de Henrique Malheiro. Ás 12.30h Luís do Freixo e José Antonio de la Riera falarán sobre a Vía Mariana. O peche II Forum Peregrino correrá a cargo de Ramón Fernández Fernández cunha conferencia titulada “O Camiño, séculos de humor e outras cousas”.

Ademáis, na Igrexa das Clarisas celebrarase a Misa Do Peregrino ás 19.00h do sábado, a cargo do director do Seminario de Tui, D. Fernando Cerezo. Esta misa terá lugar dende esta fin de semana todos os sábados.

Ás 20.00h do sábado haberá música en vivo con José Ignacio Toquero e Jean Claude Benazet, este último autor de Ultreia.

O concelleiro de Cultura en funcións, Eduardo Freiría e o alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, agradeceron a asociación Iacobus o seu labor por dar a coñecer o Camiño de Santiago tamén dende unha perspectiva intelectual a través de datos históricos e así pór en valor a importancia do Camiño.