O campo de fútbol municipal do Alivio, en Tomiño, será escenario, este martes, dunha nova intervención artística dentro do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero“, o programa da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é visibilizar a loita contra as violencias machistas e enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas.

A artista «Doa Oa» será a encargada de realizar esta intervención artística que, baixo o título “Reforestando”, consistirá nunha intervención do espazo público “coa única ambición de renacer espazos”. Comezará ás 9 da mañá, no campo do Alivio, e rematará sobre as 12:00 horas. Está prevista a asistencia de escolares de centros educativos de Tomiño.

Segundo a artista, “Reforestando” é un proxecto de intervención en espazos públicos co obxecto de “renacer espazos”. Para Doa Oa, a pintura mural é un medio de transformar en vida os espazos, neste caso a través da temática vexetal, “de xeito que o reino vexetal recupera eses espazos públicos”.

Para ela, as especies elixidas sempre teñen algunha conexión co lugar, cos costumes ou coas tradicións dos lugares e do contexto. A idea para a intervención no Alivio está relacionada co poder natural das plantas e a súa relación cos habitantes do entorno, “como unha axuda para o seu apoderamento”. “Reforestando” é unha iniciativa que a artista Doa Oa xa realizou noutros lugares, todos eles no entorno da Ribeira Sacra.