Dentro da Semana do Libro varios cursos do CEIP Humberto Juanes recibiron con entusiasmo a visita da escritora dos paseos do Miñor Soledad García, que compartiu a súa última obra titulada «Urco, unha historia reciclada».
Este libro, baseado nunha historia real, trata sobre o abandono animal e está ilustrado pola artista Ángela Costas a través de material de refugallo (bolsas de lixo, tapóns, redes de froita, envases de leite e friame…), promovendo así a concienciación ambiental.
Os estudantes tiveron a oportunidade de interactuar coa escritora e a súa cadela, explorar as tramas das historias de protección da comarca do Val de Miñor que hai detrás das súas obras e reflexionar sobre a importancia do coidado dos animais e do medio ambiente.
O compromiso e a sensibilidade mostrados polo profesorado e o alumnado durante esta experiencia foi enriquecedora. Durante as sesións a escritora destacou o notable aumento nas adopcións de animais abandonados neste ano 2024 na cidade olívica reflectindo o impacto positivo das charlas divulgativas da historia de Urco na concienciación do benestar animal dentro da comunidade educativa.