O vindeiro mércores 5 de xuño, ás 10:30 horas, na
Área Panorámica de Tui, terá lugar o Animal-Doc, un festival de curtametraxes creado polo Ceip Plurilingüe
 Nº1 de Tui e inspirado no coñecido Play-Doc 
tudense.

Ao remate do curso pasado e a través do órgano de participación dos alumnos «O consello dos Nenos«, escolleuse o proxecto de centro que se desenvolvería neste curso: «Na pel dos animais». Ao abeiro deste proxecto cada un dos cursos de educación infantil e primaria leva investigado sobre diferentes aspectos relacionados co mundo animal, os animais a través da historia, mitos e lendas da tradición oral galega, os animais nas constelacións…

Como produto final deste proxecto de centro naceu a iniciativa de crear un festival de curtas no que expoñer os vídeos creados polo alumnado.

Casualmente o centro festexa este ano o seu 50 aniversario: “50 anos soñando coa educación”. Polo que ese mesmo día dará comezo a xornada cunha Global Muiñeira, na entrada ao recinto, e seguidamente, coa proxección dun vídeo conmerativo no que participaron a comunidade educativa pasada e presente do Ceip Plurilingüe Nº1 de Tui.

Como dita actividade está orientada ao alumnado do centro haberá outro pase para todo o público o mesmo 5 de xuño a partir das 17.00 horas no propio centro.