O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade. Por primeira vez, todas as persoas participantes poderán crear as súas obras durante o certame nos espazos situados na contorna de Tomiño e Cerveira e que serán establecidos pola organización e comunicados aos participantes o mesmo día do concurso.

O certame chega á súa sétima edición o vindeiro 18 de agosto e todas as persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición de balde a través do seguinte enlace, inscricións certame de Pintura, ou de forma presencial o mesmo día do certame de 09.30 a 11.30 horas (hora galega) na Aula Museo Antonio Fernández de Goián.

Como cada ano, este certame de pintura reunirá a unha gran variedade de artistas e afeccionados á pintura nas inmediacións do Río Miño. O certame comezará entre as 09.30 e as 11.30 horas na Aula Museo Antonio Fernández, onde a organización selará e numerará os soportes das obras e dará as directrices precisas a todas as persoas participantes.

As obras deberán realizarse en soporte ríxido como lenzo, taboleiro… de 1 cm de espesor como mínimo, en branco, sen textura e sen ningún tipo de marco. As persoas participantes terán o día dispoñible para rematar as súas creacións, que deberán entregar sen asinar e xunto co cabalete ese mesmo día entre as 17.00 e as 18.00 horas no Espazo Fortaleza de Goián.

Dúas exposicións

O xurado, composto por personalidades vencelladas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, reunirase a partir das 18.00 h (hora galega) ese mesmo día para emitir o fallo media hora despois.

O Concello de Tomiño, a Comunidade de Montes de Goián e a Fundação Bienal de Arte de Cerveira, entidades colaboradoras do certame, patrocinarán os tres premios do certame, un primeiro premio de 1.500 euros e un segundo e terceiro premio de 500 euros.

Toda as obras participantes exporanse do 19 ao 25 de agosto no Centro Goianés de Tomiño e do 26 ao 31 de agosto na Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.