A Deputación de Pontevedra leva este xoves a Tui o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro no cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia.

As actividades desenvolverase este xoves 16 de novembro e inclúen proxeccións, visitas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo.

O Teatro Municipal de Tui acollerá este xoves entre as 10:00 e as 13:30 proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos que poderán tamén facer unha visita guiada ao Cinemóbil Nº3 cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta, onde Manolo González e Ignacio Vilar abordarán a súa biografía e traxectoria na fotografía. Tamén poderán gozar dalgúns dos filmes que José Gil proxectaba no seu cine Royalti de Ponteareas nos anos 20. Pola tarde, entre as 18:00 e as 20:00, haberá visitas guiadas ao Cinemóbil para os veciños tudenses, e de 20:00 a 21:30 proxectaranse filmes do artista para o público xeral.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove e Salvaterra de Miño. Despois de Tui, continuará en Moaña, Vilagarcía e Ponteareas.

José Gil e Tui

José Gil percorre Tui entre os 7 e os 12 anos ao ter destino seu pai na casa cuartel de San Bartolomeu. Xa en 1910 se dedica a filmar as paisaxes e espazos tudenses. Aquí desenvolveu un pequeno filme de propaganda co gallo da Feira do automóbil de Pontecesures (1926). Tras os intentos de paliar a tuberculose das súas fillas no balneario de Caldelas de Tui filma en 1931 o documental “Galicia y los balnearios”. Ademais, catro anos antes do seu falecemento, a fábrica de galletas “La Peninsular” patrocina o seu derradeiro Noticiario de Galicia nº11 con vistas da catedral, casco vello, industrias e comercios de Tui.