A Guarda acolle este mércores un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O salón de actos do Centro Cultural será o escenario, ás 20:30 horas, do pase do filme “O corpo aberto, galardoado como mellor longametraxe nestes galardóns celebrados en marzo.

Dirixido por Ánxeles Huerta, o filme está protagonizado por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus principais papeis e acumulou un total de quince candidaturas aos premios deste ano. A historia, ambientada no 1909, sitúa a Miguel, un mestre novo, destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

Amais da Guarda, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os do Grove, Baiona, A Estrada e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe ademais de “O corpo aberto, os filmes “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, “Unicorn Wars”, recoñecidos respectivamente como mellor documental e mellor longametraxe de animación na última edición dos Mestre Mateo.  O resto de títulos do programa son traballos finalistas destes premios como os documentais “Onde máis doe” (Manane Rodríguez, 2022), “A foreign song”, (César Souto, 2022) gañador dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e “No somos nada” (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén o filme “Valentina” (Chelo Loureiro, 2022), gañador do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e as  longametraxes “Live is life” (Dani de la Torre, 2022) e “Código Emperador” (Jorge Coira, 2022).