O Multiusos de Sabarís de Baiona, acollerá este venres 13 de outubro a última das proxeccións neste concello da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, o Multiusos de Sabarís será escenario, ás 21:00 horas, do pase do filme “Unicorn wars”, galardoado como mellor filme de animación na última gala dos Mestre Mateo.

Con guión e dirección de Alberto Vázquez e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, esta película recibiu o pasado 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista neste ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección; dirección de arte; guión; montaxe e son.

A historia arranca co exército osiño adoutrinando a novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameaza a seguridade do seu pobo. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto aos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.

Con “Unicorn wars” rematan as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo en Baiona, despois da exhibición ao longo dos últimos meses dos filmes “María Casares, a muller que viviu mil vidas” e “O corpo aberto”, recoñecidas respectivamente como mellor documental e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, así como dos documentais “Onde máis doe” (dirixido por Manane Rodríguez, 2022), “A foreign song” (César Souto), e “No somos nada” (Javier Corcuera), o filme de animación “Valentina” (Chelo Loureiro) e as longametraxes “Live is life” (Dani de la Torre), e “Código Emperador” (Jorge Coira). A programación continúa a desenvolverse nos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas.