Kidlat Tahimik
Kidlat Tahimik

O Festival Play- Doc ofrece este xoves 4 de abril unha completa programación tras a súa xornada inaugural na que os asistentes poderán gozar da película A Story from Africa, do mítico realizador afroamericano, Billy Woodberry.

Tras a inauguración, tamén terá lugar a primeira sesión da retrospectiva dedicada ao cineasta filipino Kidlat Tahimik coa súa película, Quén inventou o Yoyó? Quén inventou o vehículo lunar?, tras a proxección o público poderá ter o primeiro encontro co singular cineasta filipino. 

Mañá, chega a quenda de dúas das súas películas máis representativas. Amarelo de rabia(1981), película na que mentres Tahimik mostra a historia da súa familia, está a mostrar ao mesmo tempo a historia de Filipinas, nela non só documenta feitos familiares senón tamén terremotos e furacáns e importantes feitos políticos do seu país. Máis tarde terá lugar a proxección de Turumba (1981), un marabilloso conto con moral que nos advirte dos perigos do capitalismo. Ambas sesións contarán coa presenza de Kidlat Tahimik que acudirá tras as proxeccións para ter encontros co público.

Este xoves 4 de abril, chega desde Chile a segunda proxección da sección competitiva, Nona. Si me mojan, yo los quemo (2018) terceira longametraxe da nova e talentosa cineasta Camila José Donoso, interpretada por Josefina Ramírez, avoa da realizadora. Estreada na pasada edición do IFFR (Festival Internacional de  Róterdam), Nona é unha película que bebe das fontes do documental para converterse nunha ficción pouco convencional que transcende todos os xéneros. Nona é o retrato dunha muller chea de arestas e complexidades que foxe dun turbulento pasado para acubillarse nun presente onde suceden misteriosos acontecementos. Tras a proxección Camila José Donoso estará co público para comentar esta ‘ transficción’ cargada de realismo máxico, que non é só unha contundente declaración feminista e unha homenaxe á figura da súa avoa, senón tamén unha crítica incisiva ao pasado e presente da sociedade chilena.

Nesta 15º edición, que se celebra en Tui ata o vindeiro domingo 7 de abril, o Festival  Play-Doc estrea unha nova sección North by Northwest para celebrar a expansión a Asturias, a través de Telecable, e a Euskadi con Euskaltel, da súa plataforma VOD, Play- Doc Tv, coa que desde hai uns anos Play-Doc e R, o operador de cable en Galicia, teñen como obxectivo achegar ao público un cinema á marxe dos circuítos comerciais e darlle un maior alcance e visibilidade. Con este motivo nace esta sección na que o público poderá gozar dun pequeno adianto de tres importantes películas procedentes do Norte e do Noroeste peninsular. Nesta primeira xornada será a quenda da vasca Muga Deitzen dá aPausoa- Paso ao límite dirixida por Maider Oleaga, coa que o público poderá charlar tras a proxección, e a asturiana In memoriam (La derrota conviene olvidarla)dirixida por Marcos M. Merino, coa montaxe a cargo do galego Álvaro  Gago.

Axenda xoves 4 de abril

  • 16.30h. Amarillo de Rabia. Kidlat Tahimik. Retrospectiva.
  • 19.30h. Muga Deitzen da Pausoa-Paso al límite. Maider Oleaga. North by Northwest
  • 20.30h. Turumba. Kidlat Tahimik. Retrospectiva.
  • 21.30h. In Memoriam. Marcos M. Merino. North by Northwest
  • 22.30h. Nona. Si me mojan, yo los quemo. Camila José Donoso. Sección Competitiva.