Este domingo celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Esta é a sexta proba da Liga Galega de Slálom, e a máis importante, ao ser Campionato e non Copa, e na que o Club Deportivo Miño se proclamou gañador.

Os Teixugos acudiron ao evento con oito deportistas, os máis pequenos do club, moitos dos cales participaron en kaiak e canoa.

O representante máis novo, Javier Lluch, acadou medalla de prata en K1 benxamín, na categoría alevín, o seu irmán Adrián Lluch, foi octavo tanto en K1 como en C1. A categoría con máis representantes foi a Infantil con seis piragüistas. En K1 masculino o podio foi enteiramente teixugo, Sergio Rodríguez foi ouro, Alexis Segadaes prata e Samuel Castro bronce, na mesma categoría Mateo Álvarez foi sétimo. Mentres que na modalidade de canoa ou C1 resultou gañador Samuel Castro e o seu compañeiro Sergio foi terceiro. En infantil feminino non poido ser mellor o balance, Ainhoa Barreiro fíxose coa medalla de ouro en K1 e bronce en C1, a súa compañeira Alba Soutelo acadou o ouro en C1 e a prata en K1.

O Club Deportivo Miño-Teixugos volveu do Campionato Galego con catro medallas de ouro, tres de prata e tres de bronce. Na clasificación final por clubs, resultaron gañadores por diante do Piragüismo Penedo de Caldelas e do Montaña Quixós de Monforte de Lemos.