O Concello de Tomiño denuncia enerxicamente a manipulación da información sobre o comercio local que difundiu a portavoz do Partido Popular municipal, Lara Meneses, tras o pleno celebrado a pasada semana, «unha sistemática de desinformación á veciñanza que levan a cabo dende hai anos. No comunicado ofrecido por Meneses omítese información esencial, o que constitúe unha clara falta de transparencia e de respecto á veciñanza», sinalan dende o Concello.

O Goberno municipal non respaldou a moción presentada en pleno polo Partido Popular para a dinamización do comercio local «debido a que todas as medidas propostas xa se están levando a cabo, polo que carecía de sentido votar a favor dunha iniciativa que non achega accións novas e duplica esforzos», afirman.

«O Goberno local leva máis de 10 anos nunha liña de apoio ao comercio local que se materializou en fitos históricos como a reforma do Mercado de Tomiño e o seu recoñecemento como primeiro Mercado de Excelencia de Galicia, coa posta en marcha dunha tenda dixital aberta a todos os comercios durante a pandemia ou a consecución de dous proxectos de fondos NextGenerationEU. Unha aposta polo acompañamento na dixitalización do comercio e polo constante diálogo con ADETO e coas e cos comerciantes tomiñeses para levar a cabo todas as iniciativas necesarias para seguir dando pulo ao comercio local», apuntan dende o Consistorio.

Dende o Concello de Tomiño sinalan que «lamentablemente, parece que o Partido Popular está máis enfrascado en facer unha política de notas de prensa que en participar de forma activa nos asuntos plenarios. Utilizar expresións como “sacar as cores” non só está fóra de calquera ton institucional, senón que non reflicte de xeito preciso o ocorrido na sesión, como puideron comprobar as persoas asistentes».

Por outro lado, o Goberno municipal amosouse sorprendido co desacordo de Lara Meneses con que a axenda cultural municipal comparta actividades da Eurocidade Cerveira-Tomiño, «algo que se ven facendo dende hai tempo e que implica que na axenda cultural de Cerveira recóllese parte da programación tomiñesa. Este desacordo demostra un absoluto desprezo pola cooperación transfronteiriza que se vén desenvolvendo dende hai anos e que levou a Tomiño e Cerveira a ser un exemplo de colaboración e a compartir servizos, cultura e accións de desenvolvemento conxunto«, explican.

Dende o Concello laméntase que se critique unha extensa programación cultural, pensada para o lecer de tomiñeses e tomiñesas pero tamén para dinamizar o comercio local. «É importante lembrar -din-  que durante a época estival realízanse numerosas actividades en lugares ao aire libre como a Praza do Seixo, a Praza da Mina ou a Praza Pintor Antonio Fernández que contribúen a fomentar o comercio de proximidade. Durante o resto do ano, cando as condicións climáticas son menos favorables, estas actividades trasládanse ao auditorio, ao mercado municipal ou incluso á propia Praza do Seixo en Nadal dispoñendo das estruturas necesarias para que tomiñeses e tomiñesas poidan gozar da programación destas datas sinaladas».