Este pasado xoves, tivo lugar na casa do pobo a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Tui e a Asociación Xuventudes Musicais Eixo Atlántico, antigamente Asociación Musicais de Tui, organizadora do IKFEM, Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença. Asinaron o convenio o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a directora do IKFEM, Andrea González.

Tras a aprobación en pleno do convenio de colaboración entre o Concello de Tui e o festival, o evento musical recibirá unha achega anual da administración local por valor de 15.000€. Será un convenio que “afiance a relación entre ambos e xerará sinerxías na creación do programa e actividades”, segundo a directora do IKFEM, Andrea González.

Esta sétima edición celebrarase baixo o lema “Music and Fashion” do 14 ao 21 de xullo, ampliando a sete días a súa programación. Ademáis, este ano van a recuperar como escenario a Vella Ponte Internacional.