Ao longo das últimas semanas, aproveitando as vacacións escolares, o Concello de Tui está realizando distintas obras de mantemento nos centros escolares cun investimento de 40.000 euros de fondos propios.
O arranxo de teitos, solos, valados, pintado de aulas son parte das actuacións realizadas. Debido a antigüidade dos centros educativos dende a concellería de Ensino son conscientes da necesidade doutras reparacións que se irán acometendo.
- No CEIP de Rebordáns o Concello procedeu á reparación da fachada norte e ao cambio dos canalóns, amais do pintado interior e exterior do ximnasio.
- No CEIP de Randufe levouse a cabo a substitución dos teitos da entrada e dunha aula, que estaban en mal estado. Amais pintáronse tres aulas e acondicionouse o patio escolar retirando un muro que había.
- No CEIP de Pazos de Reis pintáronse dúas aulas, e acondicionouse a galería pechada, que se emprega coma aula de infantil, coa colocación dun novo solo. Tamén se adecentou exteriormente o centro.
- No CEIP nº1 levouse a cabo o pintado dalgunhas aulas empregando cores máis suaves. As actuacións no CEIP nº2 centráronse na reparación do valado lindeiro co pavillón municipal, co obxectivo a medio prazo de substituílo completamente, e ampliouse o valado do areeiro.
- Na aula de infantil do CEIP de Guillarei pulíronse e vernizáronse os chans, amais de selar un pozo negro no patio do centro, instalouse unha varanda para persoas con discapacidade, amais doutros arranxos menores.
- Tamén se executaron arranxos en distintas aulas do CRA Mestra Clara Torres, e no CEIP de Caldelas, estando pendente neste centro unha obra de maior envergadura referida ao cambio de falsos teitos.