Haikus
Concurso de Haikus 2017

Co fin de conmemorar o día 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, e de contribuír á desaparición do maltrato á muller convócase o III Concurso De Haikus do Concello do Rosal.

O Haiku é un xénero poético de orixe xaponesa. Os haikus escríbense, segundo a tradición, en tres versos sen rima, de 5, 7 e 5 sílabas, respectivamente.

Bases Para Concursar

1º Os haikus presentados a concurso deben mostrar un espírito crítico e comprometido contra o maltrato á muller e contra a invisibilización que as mulleres sufriron ao longo da historia e que aínda sofren.

2º Poderán participar todas as persoas do Concello do Rosal que o desexen.

3º Poderán entregarse un máximo de tres obras a concurso por persoa.

4º O haiku deberá ser entregado nunha cartulina A4 en vertical. Valorarase na presentación do poema a inclusión de imaxes, debuxos e outros elementos gráficos. Só se admitirán obras inéditas e o idioma empregado será o galego.

5º A autoría do haiku será con pseudónimo escrito na parte posterior da cartolina e cun sobre pegado e pechado no que apareza o pseudónimo na parte de fóra, e dentro os datos persoais completos, idade e teléfono de contacto. Os poemas poderán ser entregados nos centros educativos para o alumnado, e no concello para as persoas maiores de idade. O prazo de admisión terminará o venres 15 de novembro de 2019 ás 12.00 h.

Haberá tres categorías de premios:

1º Premio infantil para participantes con idades entre 6 e 11 anos

2º Premio xuvenil para participantes de idades entre 12 e 17 anos

3º Premio adulto/a para participantes de máis de 18 anos

7º O persoal técnico do Concello designará a composición do xurado do concurso. A decisión do xurado será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos se as obras presentadas a concurso non tratan o tema de forma adecuada ou non teñen suficiente calidade.

8º As obras gañadoras e as presentadas serán expostas nos taboleiros e paredes do Salón de Exposicións do Concello e posteriormente nos centros educativos. Aparecerán así mesmo publicadas na web e redes sociais do concello. As obras entregadas pasarán a ser propiedade do Concello, que se reserva o dereito a publicar e/ou editar as mesmas facendo uso delas segundo o seu interese.

9º A participación neste concurso supón a aceptación destas bases. A organización poderá introducir as modificacións que estime convenientes para o bo funcionamento do concurso.