O Pleno municipal do Concello de Nigrán decidiu rexeitar a proposta do BNG para recuperar as plenas competencias como órgano de contratación do servizo de recollida de residuos urbanos, «incluídas as relativas aos trámites administrativos que a corporación delegara no alcalde en outubro do ano pasado«.
A moción do BNG, apoiada polo Partido Popular, foi desestimada pola maioría socialista, pese a que a argumentación pola que fora concedida, «unha suposta axilización administrativa, resulta agora irrisoria unha vez que o proceso se vise paralizado polas discrepancias entre a mesa de contratación e o goberno municipal ao respecto da valoración das ofertas presentadas, realizada a través do informe dunha consultora externa contratada polo goberno«, sinalan os nacionalistas.
Ante as «irregularidades postas de manifesto pola mesa de contratación» e feitas públicas polo BNG, a proposición nacionalista pretendía que todas as decisións relativas a este contrato «recaesen no órgano colexiado que ostenta a máxima representación da cidadanía, e que ademais é a quen lle corresponden as competencias como órgano de contratación en virtude da normativa vixente».
Pola contra, “o alcalde decidiu reter as competencias delegadas, nunha decisión que non fai senón reforzar a falla de transparencia e alimentar as sospeitas sobre o proceso” segundo defende o portavoz municipal da formación, Xavier Rodríguez.
Este posicionamento, «lonxe de constituír un revés para o BNG, reafírmanos na liña a seguir, defendendo o interese xeral da veciñanza de Nigrán a través dun traballo de control serio, rigoroso e solvente que nos sitúa como alternativa ao goberno municipal, pese aos ataques recibidos por grupos sen representación que responden aos desesperados intentos dos seus portavoces por ter un lugar na política local», di Rodríguez.
«O BNG continuará loitando contra un contrato oneroso e prexudicial para Nigrán que acabará provocando que a súa veciñanza asuma un custo do servizo moi por riba do necesario», remata o portavoz.
