Cunha media de 1200 préstamos ao ano e un fondo bibliográfico de máis de 1500 volumes, a biblioteca do CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, remodelada recentemente, comeza o 2020 coa previsión de ampliar o número de libros e “medrar con xeito escollendo minuciosamente os volumes que se engadan”, segundo comenta o director do centro, Antón Valenzuela. 

O novo espazo “adaptado aos escolares e polivalente, transformou a antiga estancia nun espazo máis versátil que agora conta cunha cómoda zona de traballo, unha pequena bancada para contacontos ou outras actuacións e o Departamento de Orientación. “As obras, levadas a cabo polo Concello cun orzamento de 30.000 euros, “permitiron optimizar ao máximo o espazo do que é o centro neurálxico do CRA, con mobiliario adaptado e unha boa redistribución dos espazos que o arquitecto soubo captar á perfección; unha transformación coa que levábamos tempo soñando e que supón o primeiro chanzo para repensar os espazos das 13 aulas unitarias das que dispoñemos”, explica o director do colexio.

Valenzuela agradece a colaboración recibida por parte do Concello e tamén da Xunta. “A consellería autorizounos a levar a cabo o proxecto, facilitounos asesoramento, deunos unha partida extraordinaria de cartos e serviunos de respaldo en todo momento, e o Concello fixo un importante desembolso, ademais de encargarse por medio do concelleiro Lois Vázquez, de contactar coas empresas e posibilitarnos o contar con Xabier Pousa como arquitecto da obra, que se reuniu comigo en numerosas ocasións e soubo plasmar o que lle iamos solicitando”, comenta.

Agora toca enriquecer os fondos da nova biblioteca e conseguir que a comunidade educativa do centro -máis de cen pequenos estudantes das escolas unitarias- desfruten da nova instalación. A coordinadora da biblioteca é  Tania, acompañada por un «equipo excepcional». O sistema de préstamos e informático, e estase actualizando tamén o sistema de catalogación, para axustarse aos estándares establecidos para estas bibliotecas. “Engadiuse o catálogo audiovisual e tamén se introduciron xogos de mesa para os cativos”, informa Valenzuela.

O funcionamento da biblioteca é polas tardes dúas horas cada día, e os nenos teñen que ir acompañados dos familiares (para os que tamén hai algúns libros). “Adoita estar bastante transitada e o ano pasado houbo máis de 1200 préstamos. Para promover o uso da biblioteca levamos a cabo diferentes actividades como a visita anual de todas as unitarias ao comezo do curso para que a coñezan e se animen a vir, sesións de contacontos, así como incentivalos con «caixas para superlectores» en empréstito cando acadan cinco visitas”, explica.

No mes de decembro pasado tivo lugar a inauguración deste novo espazo, coa asistencia do xefe territorial de educación, o inspector de centros e a alcaldesa de Tomiño, entre outras autoridades.

O Goberno local segue apostando polo investimento nos centros educativos de Tomiño, no que se investirán, un ano máis, máis de 60.000 euros de fondos municipais para mellorar os espazos que empregan día a día os máis de 1.550 estudantes da vila.