Un espazo “adaptados aos rapaces, máis polivalente e que cubre as necesidades do centro”. Así describe o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, as obras de remodelación levadas a cabo este verán na biblioteca do CRA Mestre Manuel Garcés, unhas obras que serviron para transformar a estancia nun espazo máis versátil que agora conta tamén unha cómoda zona de traballo, cunha pequena bancada para contacontos ou outras actuacións e no que tamén está integrado o Departamento de Orientación. As obras contaron cun orzamento total de 30.000 euros financiados polo Concello de Tomiño en colaboración co propio centro.

Os traballos de remodelación, que se fixeron durante o mes de agosto para non interromper a actividade diaria do centro, permitiron “optimizar ao máximo o espazo do que é o centro neurálxico do CRA, con mobiliario adaptado e unha boa redistribución dos espazos que o arquitecto soubo captar á perfección”, salienta o director do centro, Antón de Valenzuela. Unha transformación coa que “levamos tempo soñando” e que supón o primeiro chanzo para “repensar os espazos das 13 aulas unitarias das que dispoñemos”.

Aproveitando a reforma, o CRA comezou a recatalogación de todos os volumes dispoñibles na biblioteca, un proceso no que traballarán nas vindeiras semanas e que esperan completar a finais de outubro ou novembro coa inauguración da Biblioteca.

Aposta polos centros educativos

O Goberno local segue apostando polo investimento nos centros educativos de Tomiño, no que se investiron máis de 60.000 euros de fondos municipais para mellorar os espazos que empregan día a día os máis de 1.550 estudantes da vila. Por este motivo, xunto coa remodelación da Biblioteca do CRA, durante as vacacións estivais leváronse a cabo varias obras de mantemento e reparación, como melloras no comedor da escola Galiña Azul do Seixo, pistas balonmán e baloncesto no Mosteiro para uso compartido entre o alumnado do colexio Pedro Caselles e a veciñanza e cambio de chan en tres aulas do colexio de Sobrada, así como diferentes obras de mantemento (fontanería, electricidade, limpeza patios, etc.).