Escolares asisten á primeira xornada do Festival de Cans nun dos espazos cubertos da aldea.

A XXI edición do Festival de Cans arrancou esta mañá coas primeiras visitas de grupos de escolares á aldea para coñecer in situ o evento e coa inauguración da Rúa Efémera, que estará aberta durante todos estes días e coa que se rende homenaxe á produtora e ex-presidenta de Agapi, Dolores Ben.

Xa pola noite está prevista o inicio das proxeccións do festival coa presentación no Centro Cultural do Porriño do documental “Acordamos”, dirixido por Uxía e por Lucas Terceiro, e coa actuación posterior da cantante Antía Muiño, que tamén participa no filme.

A cantante e activista cultural Uxía explica que “Acordamos” e un proxecto que continúa coa temática xa iniciada co documental “Acorda” (2021) sobre a represión franquista e,neste caso, trátase de poñer en valor unha serie de iniciativas pioneiras no sector educativo, cultural e sindical que puxéronse en marcha durante a Segunda República en Galicia e foron esnaquizadas co ascenso ao poder do franquismo. “O noso obxectivo é contar ás novas xeracións o que pasou con estes proxectos tan interesantes e lembrar que hai que loita polos nosos dereitos para que non se repita a historia”, indica Uxía.

O filme non é un documental convencional xa que a música ten un papel moi importante, coa presenza de grupos e artistas que colaboraron especialmente para a película con cancións que teñen moito que ver coas historias que se están a contar. Woyza, Treixadura, Antía Muiño, Luis Pastor, Malvela e Celina da Piedade son algúns dos intérpretes que participan no documental. Precisamente esta noite, trala proxección do documental no Centro Cultural do Porriño, haberá un concerto coa presenza de Antía Muíño á que Uxía acompañará para interpretar un dos temas do filme.

Entre as historias que se contan en “Acordamos” atopamos a do proxecto educativo da escola “Aurora do Porvenir” de Tomiño, a da Fraternidade Mariñeira de Moaña, a da Caixa Rural do Lérez, a da República Independente da Illa de Arousa ou a dos Mártires de Sobredo (parroquia de Tui). “Utilizamos a música para reforzar as historia e así tamén facelas máis accesibles para as novas xeracións. A verdade é que cada unha das historias daría para facer unha película ou unha serie porque son moi potentes”, sinala Uxía.

Mañá a homenaxe a Kepa Junquera e a noite dos veciños

Despois da xornada inaugural de hoxe o festival vai tomando impulso e para mañá mércores xa comezarán os coloquios, como o dedicado pola Fundación Aisge ao tema “Actores e actrices, profesión de risco”, que contará coa presenza de Iván Arpa, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Deborah Vukusic (Baixo de Carlos.12:30 horas). Tamén comezarán as proxeccións da sección Novas Camadas e chegará a esperada homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera, que dará nome a o Jaliñeiro de Cans e recibirá o cariño da aldea e de moitos amigos que chegarán para a ocasión.

Uxía será unha das persoas que estará presente e comenta que o artista está moi emocionado por volver a Cans dez anos despois da súa histórica actuación no Jaliñeiro xunto ao gran acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo. A homenaxe tamén inclúe a proxección no Baixo de Carlos (19:00) de dúas curtas documentais sobre o propio Kepa Junquera.

A xornada do mércores terminará no Torreiro de Cans coa Noite dos Veciños,na que estreárase o documental “Don Cesáreo, o cura da Vespino”, de Juanma Lodo, e haberá actuacións musicais das Pandereteiras de Cans e do grupo Acordecans, entre outras actividades.

Programación mércores 22 de maio: 

Ás 10.00 h. Cans do Futuro. Encontro didáctico “Oficios Invisibles” con Analía G. Alonso. Baixo de Bugarín.

Ás 11.00 h. Sección Cineherdanzas. Pesentación do «Arquivo Asorey”, con Xaime Varela. Baixo de Carlos.

Ás 12.00 h. Cans do Futuro. Baixo de Bugarín.

Ás 12.30 h. Coloquios Fundación AISGE: «Actores e actrices, profesión de risco” con Iván Arpa, Eduardo Rodríguez ‘Tatán’, e Deborah Vukusic. Baixo de Carlos.

Ás 16.00 h. Dálle Caña: encontro de curtametraxistas da sección NOVAS CAMADAS. Torreiro de Cans.

Ás 18.00 h. Proxección sección NOVAS CAMADAS. Baixo de Bugarín.

Ás 18.00 h. Homenaxe a Kepa Junquera. Ruada musical popular desde o Torreiro ata o Jaliñeiro, cos Petóns de Saiáns. Coa presenza de Kepa Junkera.

Ás 19.00 h. Proxección tributo a Kepa Junquera. Baixo de Carlos.

Ás 20.00 h. Homenaxe a Nemesio Boente. Baixo do Local veciñal.

Ás 20.30 h. Homenaxe ó Can de Pedra. Descuberta do traxe do can. Rotonda da Adroza.

Ás 21.00 h. Colocación de placa no Muro dos Chimpíns: “Fermina do Pouso”. Baixada ao río de Cans.

Ás 21.30 h. Descuberta da placa homenaxe a Don Cesáreo. Local veciñal.

Ás 21.30 h. Noite dos Veciños. Torreiro de Cans.

  • Estrea documental “Don Cesáreo, o cura da Vespino” de Juanma Lodo, do proxecto Cans 303.
  • Presentación do libro «Cans, nomes dos lugares» do historiador Arístides Carrera.
  • Estrea mundial do videoclip «Para Kepa» de Juan Lesta. coa actuación de Fernando Fraga.
  • Presentación do Xurado das Veciñas e Veciños.
  • Actuación das Pandereteiras de Cans e Acordecans