Se hai unha actividade que realmente emociona a todos os membros que conforman a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar é o «Bautismo de Mar» co que se dá a benvida ás embarcacións tradicionais recuperadas ou construídas desde o Encontro anterior. Na cita da Guarda foron «bautizados» catro barcos, tres no mar e un en terra, nun acto que contou coa presenza de numeroso público.

Os asistentes, entre os que destacou ao presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e os presidentes de Culturmar e Piueiro, Manuel García Sendón e Joaquín Cadilla, respectivamente, aplaudiron a incorporación ao rexistro de embarcacións tradicionais galegas do » Piueiro», o volanteiro da Guarda; «A Surfeira», unha dorna nai de Portonovo; «A Lagarta», unha dorna de Sada, e «O Brincadeiro», un choupán de Aguete. E se o » Piueiro» foi construído á mantenta para a ocasión pola asociación cultural que leva o mesmo nome, os barcos de Portonovo e Sada foron rescatados «in extremis» antes de converterse en pasto das chamas nas fogueiras de San Xoán. Pola súa banda, o choupán de Aguete estivo 30 anos nun garaxe antes de ser cedido para a súa recuperación. Hoxe, as catro embarcacións lucían maxestosas no porto da Guarda.

Mentres, no paseo marítimo, os numerosos visitantes -4.000 diarios segundo fontes do Concello- participaban nos numerosos obradoiros mariñeiros e outras actividades programadas para nenos e maiores. As redeiras da Asociación Atalaia e os mestres da Escola de Canteiros de Poio son algúns dos artesáns que estes días realizan exhibicións en directo do seu traballo, á vez que amosan algúns dos trucos do oficio aos voluntarios.

Tamén están a ser moi concorridas as exposicións que albergan as carpas do evento como a de «O mar ten mulleres», do GALP 7 Ría de Vigo-A Guarda, e a de » Achega dás mulleres á sustentabilidade do mar», da Deputación de Pontevedra.

As actividades permanentes de navegación, tres ao longo do día, son moi demandadas polo público que, desde primeiras horas da mañá, agarda a súa quenda para embarcar nunha das embarcacións participantes.

A choiva, que fixo acto de presenza ao mediodía, non conseguiu deslucir o actos previstos para a tarde, desde a presentación do novo número da revista «Nova Ardentía», de Culturmar, ata a do libro «Os Cadilhe», de José P. Arteiro Reis.

Xa pola noite, a cantante Andrea Pousa, que presenta o disco «Respirar» e o Orfeón do Berbés foron os encargados de amenizar a penúltima xornada do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Mañá domingo, ás 15:00 horas terá lugar o acto de despedida a tripulacións e delegacións, haberá unha cea especial para o voluntariado e como broche de ouro, un concerto a cargo de varios grupos de rock da Guarda.