Enterro do Bacallau

O Entroido despídese este domingo, 24 de marzo, en Tui coa celebración do Enterro do Bacallau. No mesmo prevese a participación de miles de persoas que partirán ás 19.30 horas dende a praza de San Fernando.

O percorrido que realizará irá polas rúas Seixas, Porta da Pía, Ordoñez e Paseo da Corredoira até o Cantón de Diomedes onde se darán lectura as coplas, e continuará pola praza da Inmaculada, as rúas Augusto G. Besada, Betanzos, Praza de Galicia, e rúa Lugo até a traseira da Área Panorámica para proceder a incineración do bacallau.

Segundo o recollido nas bases do Entroido o bacallau será portado pola comparsa gañadora do concurso-desfile do pasado domingo “El extraño mundo de la magia de Pexegueiro” da Asociación Entroido de Pexegueiro. A escola musical será realizada tamén pola comparsas de Pexegueiro, gañadora en acompañamento musical, mentres que o bacallau será realizado pola asociación “En Loureiro coma sempre” de Salceda que coa carroza de “O Mundo de Shrek” levaron o primeiro premio nesta categoría.

Debido á celebración do Enterro do Bacallau o tramo do Paseo da Corredoira dende a intersección coa rúa Augusto González Besada até os soportais estará pechado ao tráfico dende o sábado pola noite. Amais, o aparcamento municipal estará pechada, e por tanto non se poderá estacionar, dende ás 11:00 ás 22:00 horas deste domingo.

Feira de San Carnaval

Este domingo, coincidindo co Enterro do Bacallau, celebrarase de 11:00 a 20:00 horas, na zona dos soportais no Paseo da Corredoira, a Feira de San Carnaval con distintos postos e actividades de animación ao longo do día como vos de cetrería, actuación de Tana ( 12:30 horas) e dos grupos folclóricos Alfándega da Asociación X. C. San Telmo (12:00 horas ), Refaixos e Polainas da Asociación C. Val de Flores de Baldráns (17:00 hora), e Seixos Albos da Asociación C. Seixos Albos de Areas (18:30 horas) e xogos populares.

Enterro do Bacallau