Kiko
Kiko

Este sábado, ás 18:30 horas, pechase co ‘Enterro do Kiko de Parada’  a programación do Entroido deste ano en Nigrán.

O kiko, que permanece exposto na entrada do Auditorio Municipal , será trasladado por un carro de bois e unha amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrará o velorio e a posterior queima no torreiro.

Os actos comezarán coa actuación da charanga ‘Vaite xa’ dende as 17:30 horas polo centro de Nigrán, chegada do carro de bois e bendición do kiko ás 18:00 horas e saída do cortexo fúnebre dende a Praza do Concello ás 18:30 horas cara Parada (unha parella de bois levará ao kiko e diferentes comparsas e unha charanga o acompañarán ata a rúa Telleira para retomar a procesión en Parada).

A previsión é que chegue ao Torreiro de Parada ás 19:00 horas coa comparsa Parada Espanta para velalo e, a continuación, ás 20:30 horas, o cortexo fúnebre trasladará ao Kiko para a lectura do pregón e a súa queima ás 21:30 horas. A partir das 22:00 horas haberá unha gran verbena popular a cargo do grupo ‘Trío Azar’ e dende a medianoite os Djs Toni&Yogüi.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero sí presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade).

Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai  máis alá do interese local.