O Festival de Cans, que celebrará a súa XXII edición do 20 ao 24 de maio de 2025, abre este xoves o prazo de inscrición de obras para a súa competición oficial. Entre as novidades desta competición estará o aumento da dotación económica en varios dos premios ata chegar a cerca dos 13.000 euros.

Despois do éxito do pasado ano, no que máis de 12.000 persoas pasaron pola aldea ao longo dos cinco días de festival, Cans volverá repetir a fórmula do certame, que arrancará o martes 20 e terá o seu día grande o sábado 24 de maio.

Os autores que desexen participar no festival xa poden inscribir de xeito gratuíto as súas curtametraxes, videoclips, webseries e mesmo longametraxes inéditas na plataforma gratuíta habilitada na web do Festival de Cans. A organización dará preferencia ás obras que sexan estreas absolutas, pero pode inscribirse calquera tipo de obra recente producida entre os anos 2024 e 2025.

Os premios máis relevantes da competición serán o Premio do Xurado a mellor curta de ficción, dotado con 2.000 euros, O Premio á Mellor curta de animación, dotado con 1.800 euros, ou os Premios do Público ou da categoría Furacáns de non ficción, dotados con 1.500 euros cada un.

A organización tamén outorgará un premio de 1.000 euros na categoría de Novas Camadas, destinada aos creadores de ata 25 anos. Ademais, cada obra que reciba o Premio do Xurado nas categorías de ficción, animación e Premio do público, recibirá unha dotación engadida de 300 euros en concepto de dereitos de difusión da súa obra no ciclo Cinemaldea. O premio á mellor fotografía RC Service obterá 1.000 euros, que serán canxeables por material profesional de rodaxe. A convocatoria admite tamén a inscrición de obras que non estean aínda completamente finalizadas, en fase de postrpodución ou montaxe, na data límite de inscrición, o día 2 de marzo.

O Festival de Cans repartiu vinte cestas de Nadal entre os veciños da aldea. 

Por outro lado, o Festival de Cans entregou nos últimos días ata vinte cestas de Nadal ás veciñas e veciños da aldea que abren as súas casas ao público os días do festival e colaboran desinteresadamente co certame.

Este agasallo faise coa colaboración de Gadis, un dos patrocinadores do certame. O festival cede tamén dúas das súas cestas á Asociación de Veciños, como un dos premios do concurso de decoración navideña, e para a Comisión de festas de Santo Estevo, que terá lugar o 26 de decembro.