© Cris Andina

O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición do 21 ao 25 de maio de 2024, abrirá desde este mércores a convocatoria para poder acceder á súa competición oficial. Todas aquelas autoras e autores que o desexen poderán enviar as súas obras a concurso para participar nas diferentes categorías competitivas do certame, que este ano aumentará a dotación dedicada a premios ata roldar os 12.000 euros.

En concreto serán 11.900 euros, que se destinarán a recompensar as curtas premiadas nas diversas categorías, todas con dotación económica, ademais de diversas achegas económicas engadidas. Nesta edición, cada obra que reciba o Premio do Xurado nesas categorías de Ficción e animación e Furacáns (non ficción), así como o Premio do Público, recibirán unha dotación engadida de 300 euros cada unha, en concepto de dereitos de difusión da súa obra no ciclo Cinemaldea. Do mesmo xeito, o premio á mellor dirección de fotografía levará 1.000 euros engadidos canxeables por material profesional de rodaxe na empresa RC Service.

As autoras e autores poderán inscribir as súas obras de xeito gratuito na web do Festival de Cans e terán de data límite para facelo ata o 3 de marzo de 2024. Poderán inscribir curtametraxes nas categorías de ficción, animación, non ficción, coñecida como Furacáns, e Novas Camadas, destinada a impulsar ás creadoras e creadores menores de 25 anos, e a visibilizar as obras de novas e novos cineastas xurdidos de escolas de cine e diversas universidades. Tamén se poderán inscribir videoclips para a competición oficial nesta categoría e longametraxes e outro tipo de obras, que completarán a programación nas diferentes seccións paralelas. Todas as obras deberán ter sido realizadas do ano 2023 en diante e darase preferencia na selección ás obras que sexan estreas absolutas.

Os principais premios estarán destinados ás categorías de ficción con 2.000 euros, e animación e premios do público con 1.500 euros cada unha. A organización tamén mantén o premio de 1.000 euros destinado a categoría Novas Camadas, un dos grandes escaparates dos creadores máis novos. O obxectivo do festival ven sendo nas últimas edicións manter e mesmo aumentar as dotacións dalgúns premios, que poidan servir de apoio e estímulo na carreira de novas e novos cineastas.  A convocatoria ten este ano a novidade de que os cineastas poderán inscribir obras que non estean aínda completamente rematadas, en fase de postprodución ou montaxe. A finalidade é que se poidan dar a coñecer como “Work in progress”, dentro da sección Fillxs de Cans, unha das seccións máis celebrada polo público do festival.

Cans, festival talismán para os Premios Goya. 

O Festival de Cans quere felicitar publicamente a todas e todos os finalistas galegos dos Premios Goya, especialmente aos que pasaron polo festival na última edición. Seguindo a tradición dos últimos anos, varias e varios deles amosaron os seus traballos en Cans. O cineasta Álvaro Gago, tres veces premiado en Cans como curtametraxista, é finalista á mellor Dirección Novel polo seu filme “Matria”, que vimos en Cans, do mesmo xeito que a actriz María Vázquez, finalista na categoría de Mellor actriz. Ademais de pasar por Cans como actriz de curtas a concurso, tamén podemos contar con ela nun encontro co público.

Outra das finalistas é Janet Novas, nomeada a actriz revelación, que tamén pasou pola última edición do festival presentando un avance de “O Corno”, filme que protagonizou, dirixido por Jaione Camborda, é que gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Pola última edición tamén pasou a directora de animación viguesa Lorena Ares, coa curta “Amanece la noche más larga”. Ares será finalista na categoría de longametraxe de animación con “Hanna y los monstruos”, última longa que dirixiu. Tamén na categoría de curta de animación estarán como finalistas o cineasta Martín Romero e a produtora Chelo Loureiro, que pasaron por Cans en diversas ocasións. O primeiro na competición oficial e a segunda como produtora de diversas obras.