O Festival de Cans continúa afondando ao longo do ano na idea da participación da comunidade local, intentando tecer unha rede de recollida de propostas que inclúa desde as persoas de maior idade ata nenas e nenos. Nesta liña de traballo, o certame ven de botar a andar a Asemblea de Nenos, da que forman parte unha vintena de nenas e nenos da aldea, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos.
Este primeiro encontro, celebrado no Local Parroquial de Cans, e ao que asistiron tamén os pais e nais, tivo como obxectivo escoitar as súas opinións e estimular a súa participación na organización e na programación do certame. Cada neno que participou no festival como guía e se sumou e participou nesta Asemblea foi premiado cun vale de 25 euros para compra de material escolar, coa colaboración da cadea de papelarías Trazos, nun xeito de tecer apoios co comercio local e axudar ás familias no inicio do curso.
Nesta primeira Asemblea de Nenos, a organización do festival tomou nota das súas demandas. Entre elas a creación cunha sesión de cine de animación específica para nenos e máis contidos de corte fantástico. Un grupo das nenas máis pequenas manifestou a súa demanda de achegarse a actividades que inclúan o baile moderno e incluso “mellorar a merenda” que lles aporta o certame. A faixa de idade entre 12 e 17 anos reclamou tamén máis actuacións musicais con propostas de música urbana, cursos de formación audiovisual vinculados ao uso das novas tecnoloxías e mellor estruturación dos seus cometidos dentro da organización do certame.
Desde que o Festival de Cans comezou, camiño xa de 22 anos, moitas nenas e nenos da aldea fixeron o labor de guías dos camiños e foron integrándose na estrutura da organización. Agora mesmo hai sobre 15 rapaces que naceron co festival e que, desde que cumpriron 18 anos, son contratados para asumir diversas funcións como control de acceso ás salas, produción, rexiduría de espazos ou coordinación de diversas actividades.
A participación destes nenos da aldea no festival supón para eles unha aprendizaxe para relacionarse de xeito colectivo, socializar e adquirir valores que promove o Festival de Cans como a solidariedade, a igualdade, a sostenibilidade, a preservación do medio ambiente e do patrimonio e o respecto ao legado dos maiores. Ademáis, o festival busca que os máis novos se acheguen tamén como público aos filmes e os contidos do festival, un xeito de explorar novas audiencias e fomentar o achegamento ás novas e novos creadores. Todo este grupo de rapaces está coordinado pola veciña da aldea Rosa Bernárdez, que está habitualmente en contacto cos pais e nais destes nenos, para calquera tipo de suxerencia que poidan aportar.
A idea é que esta Asemblea de Nenos se poida reunir un mínimo de tres veces ao ano, coa finalidade de aportar contidos, coñecer mellor os perfís e gustos de cada neno para ubicalo en lugares do festival onde poida desfrutar co seu traballo e estimular o seu interese e orgullo por pertencer á estrutura da organización do Festival que se celebra na súa aldea.
Esta Asemblea de Nenos súmase ao traballo de participación transversal que este ano impulsou o Festival de Cans, para intentar mellorar e facer crecer o festival desde as aportacións internas e a participación da comunidade. No pasado mes de xullo, Cans impulsou Focus Cans, unhas xornadas de participación nas que, a través de varios grupos de traballo, participaron veciñas e veciños, cineastas, escritores ou público habitual do festival. Os resultados recollidos e as propostas están a ser procesadas por un equipo da University of Saint Louis, con sede en Madrid, coordinado pola profesora e investigadora Rosana Vivar Navas.
Tamén se suma ao obradoiro participativo Cans 303, no que ata 12 veciñas e veciños da aldea, desde 16 ata case 70 anos, participan na elaboración dun documental que rescata a memoria da aldea, a través de cintas de vídeo, de rexistros de audio en casettes ou outros formatos ou mesmo de fotografías antigas e outros documentos.
O Festival de Cans busca deste xeito aumentar o grado de implicación e vínculo da comunidade local para reforzar a identidade do certame e traballar no seu futuro. Desde a organización considérase que unha das grandes fortalezas do evento é o factor humano e que estas propostas contribúen a que os pequenos desenvolvan a creatividade e afronten a realidade con espíritu crítico, do mesmo xeito que eleva a autoestima das persoas que viven na aldea.