A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, continuará esta edición na súa liña de programar unha retrospectiva internacional, que dea coñecer ao público algúns dos cineastas máis interesantes e orixinais do momento.
Logo da retrospectiva dedicada na última edición a Kléber Mendonça Filho, un dos grandes cineastas brasileiros da actualidade, este ano Cans programará outra retrospectiva de gran nivel, como é a do cineasta portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema portugués.
João Nicolau (Lisboa, 1975), realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla. A irrupción do fantástico e o onírico entremesturados coa cotiandade que dá paso a novas realidades é unha das características da obra de Nicolau, convertendo o seu cine nun territorio máxico, onde a música e o humor xogan un papel destacado.
O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con él sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), estreada en Cannes, Cançao de Amor e Saúde (2009), que tamén pasou por Cannes, e Gambozinos (2013), premiada en festivais internacionais como Milán, Belfort ou Vila do Conde.
Como explicou na presentación da imaxe desta XIX edición o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, a retrospectiva das longametraxes de Nicolau servirá como introdución ao festival na fin de semana anterior ao mesmo, buscando ampliar a mirada cinéfila do público á par que se descobren novos e interesantes autores de proxección internacional. Os filmes proxectaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será de balde.
A primeira película, A espada e a rosa (xoves, 12 de maio ás 20 h), contará coa presentación do director que se dirixirá ao público vía streaming, para dar paso a John From (venres, 13 de maio ás 21 h) e o a Technoboss ( sábado 14 ás 12 h). João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.