Jennifer Glez // Coloquio no torreiro con David Trueba na última edición de Cans

O Festival de Cans reflexiona estes días pausadamente sobre o seu pasado recente e o seu futuro, a través de “Focus Cans”, un foro promovido polo propio festival e a University of Saint Louis, universidade americana que desde hai varias décadas conta cun campus en Madrid.

Estes grupos de traballo están coordinados pola profesora e investigadora Rosana Vivar, e neles participan veciños, membros históricos da organización, escritores, xornalistas, actores ou público habitual do certame. Este público e algúns dos membros do encontro foron seleccionados a partir dun traballo de campo de máis de 200 enquisas realizadas nos días do festival por catro alumnos da University of Saint Louis, que estiveron presentes en Cans baixo a coordinación da profesora Vivar.

Ata vinte persoas de perfís diferentes reunirá ata o mércores este encontro denominado “Focus Cans”, divididas en varias mesas que terán lugar en espazos habituais do festival como a Casa do Barbado, sede do certame ou o Cuberto de Pato, un dos espazos históricos desde a primeira edición.

Entre as persoas que forman parte destes encontros están o actor Eduardo Rodríguez, “Tatán”, último chimpín de prata do certame, a escritora Iria Misa, que prepara un libro de litetatura xuvenil cuxa trama acontece na aldea ou a xornalista cultural Mar Mato, que cubre habitualmente o certame. Tamén estarán creadores audiovisuais como Carlos Lago “O Terser Home”, que este ano presentou unha exposición no marco do festival, persoas que levan asistido como público a numerosas edicións do certame como a especialista en interpretación do patrimonio Isabel Fernández, ou membros históricos da organización como César Lourido, primeiro presidente da Asociación Arela, organizadora do festival, xunto co responsable da estratexia dixital Iago Leirós ou a actual Presidenta, Keka Losada.

Todos eles reflexionarán nestas mesas con veciñas e veciños que prestan casas e colaboran habitualmente co certame, co obxectivo de recoller opinións desde diversos ámbitos, “que axuden a trazar un mapa etnográfico do festival, analizar as relacións entre a cultura e o territorio e provocar unha reflexión pausada sobre a dimensión do festival e os seus retos de futuro”, segundo manifestou Rosana Vivar, investigadora e coordinadora estas xornadas.

Esta profesora, que desde hai meses traballa en abrir novas vías de catalogación do certame a partir dos seus arquivos históricos, xa realizou nun relatorio sobre o festival o pasado ano no Congreso Resources, na University Ca´ Foscari de Venecia, un encontro internacional sobre a Historia da Arte multimedia, as ciencias e a tecnoloxía.

As conclusións deste traballo, que se está rexistrando en vídeo, serán publicadas nun libro na colección Handbook of Inmersive Arts & Media da editorial Routledge, un prestixioso selo de referencia no mundo científico e académico internacional. A publicación forma parte dun proxecto máis amplo de investigación impulsado pola University of Nottingham, en Inglaterra.

Con este “Focus Cans”, o certame quere poñer a primeira pedra para organizar cada ano cursos de verán con diferentes universidades, onde a partir do exemplo do Festival de Cans, se reflexione sobre a cultura, a identidade, o patrimonio e a relación co territorio. “Isto é un piloto dun traballo de campo feito en Cans por estudantes como asistentes de investigación, pero a idea é convertelo en algo con continuidade, que conceda créditos universitarios como calquera curso”, explica a coordinadora Rosana Vivar.