Jolof Warrior & The Green Hood Band

Entroido, carnaval ou carnestolendas son algúns dos nomes cos que se coñece a esta festa que se celebra arredor de todo o mundo. En Galicia é ben sabido que se vive dunha forma especial e no Baixo Miño, especialmente en Goián, Tomiño, os disfraces e tradicións enténdense dunha forma moi distinta, por iso o seu entroido ten nome propio: o Festival Taíña.

O 22 de febreiro o Festival Taíña celebra a súa decimosétima edición. Ofrece un cartel diverso e actualizado, con bandas referentes a nivel nacional como Boyanka Kostova (Santiago de Compostela) ou Jolof Warrior & The Green Hood Band (Barcelona), ademais do ben coñecido grupo Liska! (Vigo), e unha emerxente banda local, Kiwi Roots. Logo a festa continúa co dj do colectivo Brigada Sound, Sapoconcho Sem Poncho.

Un serán fantástico a través de xéneros como o reggae, o ska ou o trap. Ademais, este ano contará con espazos para artesáns, gastronomía e puntos informativos sobre educación sexual e medioambiental. Todo o evento é de entrada libre. O festival, que xa é referencia na axenda cultural galega, crece ano tras ano e esta edición pretende marcar o inicio dunha nova etapa.

A Asociación Cultural Taíña presenta novas actividades que apostan polo achegamento e difusión das manifestacións culturais máis diversas, co fin de difundir a esencia do entroido baseándose nuns principios de cooperación, respecto, diversidade e sustentabilidade, ademais de apoiar a nosa cultura, lingua e tradicións.