O folclore de México, Guinea Bissau e Serbia protagonizará a XX edición da Noite Internacional do Miño en Tui. A cita será este martes, 23 de xullo, ás 21.30 horas no Parque do Laxal en Rebordáns. 

Este evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns coa colaboración do Concello de Tui, a Comunidade de Montes en Man Común de Rebordáns e a Deputación de Pontevedra.

Dende hai dúas décadas este evento convértese cada ano nun escaparate do folclore máis internacional a través de grupo de Europa, América, África, Asia e Oceanía, que teñen participado en cada edición. O público ateiga anualmente o recinto do Parque do Laxal para gozar dun evento de gran colorido e cheo de diferentes ritmos tradicionais, todo nun escenario presidido por unha lúa tocando a gaita, a imaxe desta Noite Internacional.

Nesta ocasión serán o Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau, Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia e Compañía Nacional de Danza Folclórica de México os que nos acheguen o seu folclore.

O Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau:

Naceu no ano 2000 co obxectivo de crear un ambiente de integración sociocultural para os cativos e a mocidade do barrio de Bandim nun contexto de posguerra empregando coma vehículo para conseguilo a música, o teatro e a danza. Ao tempo buscan tamén pór en valor e divulgar o patrimonio cultural de Guinea.

O Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia:

Foi fundado en 1986 por Dejan Simeonovski. Dende entón nos seus espectáculos presenta a riqueza do folclore serbio mesturando a arte coa vitalidade do pobo serbio. Os seus traxes, bailes e música destacan pola súa autenticidade, beleza e variedade.

A Compañía Nacional de Danza Folclórica de México:

Creouse en 1.975 achegando dende entón nos seus espectáculos por Europa e América a riqueza e colorido do folclore mexicano.

XX Noite Internacional do Miño

Participantes:

  • Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau
  • Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia
  • Compañía Nacional de Danza Folclórica de México.