O Goberno local do BNG de Tomiño sorprendeu onte coa proposta de oficializar a ruta tomiñesa do Camiño de Santiago, iniciativa que xa foi presentada en 2004 polo Partido Popular que gobernaba naquel entón no concello. A alcaldesa Sandra González  destacou que se da así o primeiro paso para a oficialización desta ruta, esquecendo que xa foi presentada toda a documentación ante a Xunta de Galicia fai case 20 anos.

A comezos deste século, o concello de Tomiño comezou a colaborar con diversas asociacións do Camiño Portugués do Norte así como da localidade portuguesa de Vila Nova da Cerveira, de cara a elaborar un informe que permitise dinamizar social, cultural e economicamente ambos concellos apostando por oficializar a ruta do Camiño de Santiago que ten como epicentro a parroquia de Goián. A ruta percorría así por un dos cruceiros máis antigos do concello, o da Barca, do século XVI.

Para potenciar esta ruta, púxose en marcha o programa “Ponte Cultural” a través do cal limpouse o camiño e realizouse un traballo de adecuación e sinalización grazas ao Obradoiro de emprego “Tomiño no Camiño”.

Agora, a alcaldesa pretende facer crer que foi o Goberno do BNG o que descubriu esta ruta e quen elevará ante a Xunta de Galicia a solicitude da súa oficialización de cara a aproveitar o tirón do Camiño de Santiago como dinamizador da comarca, obviando que durante os dous anos que durou o pasado Xacobeo 21.22 non se fixo “absolutamente nada” para potenciar esta vía, que se atopa nun lamentable estado de abandono, cheo de maleza e falto de coidado.

Curiosamente, a poucas semanas das próximas elección municipais, “acórdase” do Camiño de Santiago. Meneses manifestou que “é unha pena que non se lembrara do mesmo durante todos os anos anteriores de mandato, o que provocou unha perda importante da posta en valor da importancia deste camiño e por suposto, do valor do patrimonio cultural e histórico de Tomiño”.

O concello non soubo aproveitar o tirón do Xacobeo, que bateu récords de visitantes, como si fixeron outros concellos próximos como A Guarda, Oia ou Baiona, que apostaron decididamente polo Camiño da Costa, incrementando o número de peregrinos polas súas localidades, abrindo albergues, e potenciando o comercio e a restauración.

Non nos queda máis remedio que lamentar a inacción do Goberno de Sandra González,  e  por suposto, o interese electoral que supón a presentación desta iniciativa a tan só un mes das elección municipais”, explican os populares.