O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de verán, ofrece este domingo, ás 19:00 horas, na Praza Mogimes, ao carón do porto de Panxón, a actuación do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense.
A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións.
O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.