A comunicación con Caminha foi un tema que sempre preocupou o Grupo Municipal Socialista, «tanto estando no goberno, tempo no que se fixeron múltiples xestións para mellorala, como agora na oposición, por iso vimos de presentar un escrito no concello da Guarda solicitando a Roberto Carrero que lle esixa á Xunta de Galicia que solucione o problema», indican.
O ferri Santa Rita de Cassia leva xa dous anos sen funcionar debido «ao desleixo de Portos de Galicia, que non foi quen de levar a cabo un mínimo mantemento no dique de atraque do ferri, e que rematou con esta infraestrutura en risco de afundimento», aseguran os socialistas.
Xa en maio de 2022, e ante a insistencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Presidente da Cámara de Caminha, Miguel Alves, a Presidenta de Portos de Galicia, aseguraba que o ferri volvería a estar operativo no verán de 2023, unha vez se reparase o pantalán.
A Xunta de Galicia puxo en marcha en abril de 2022 o Xacobeo Transfer, un transporte alternativo centrado en dar solución ao movemento de peregrinos do Camiño Portugués da Costa, «pero que nin é eficiente, nin da solución ao transporte de visitantes e veciños ao non permitir o traslado de vehículos«, sinalan.
«En agosto de 2023, Roberto Carrero, alcalde da Guarda, anunciaba que a empresa responsable da reparación non podería cumprir o prazo, e sinalaba como nova data o 15 de setembro. A día de hoxe, novembro de 2023, o pantalán segue sen estar operativo», comentan os socialistas guardeses e matizan que «unido a isto está o feito de que segundo a web oficial do Xacobeo Transfer da Guarda, o único servizo de transporte con Caminha vai a permanecer inoperativo desde novembro ata marzo de 2024».
A falta de comunicación entre A Guarda e Caminha resulta moi prexudicial para o mantemento das relacións sociais e económicas entre as dúas vilas raianas, así como para o tránsito de turistas e visitantes. «Pero tamén supón un grave problema para o Camiño Portugués da Costa e os miles de peregrinos que teñen que cruzar o río Miño, sendo este camiño o que máis creceu no 2023«, din dende o grupo socialista.
«Non sabemos en que grao lle preocupa ao noso Alcalde as relacións co país veciño, nin o Camiño Portugués da Costa, pero esperamos que nos escoite e obre en consecuencia», finalizan.
