“Un ano en branco, un ano perdido e un ano de marcha atrás para a transformación da provincia”. Así resumiu hoxe o Grupo socialista o primeiro ano do PP de Luís López ao fronte da Deputación, tal e como denunciaron os nove deputados e deputadas do PSdeG-PSOE. A portavoz, Ana Laura Iglesias, mostrou a “perplexidade que estes meses causaron á oposición socialista e á cidadanía: parálise, descoñecemento, recortes ideolóxicos, falta de traballo, apagón da transparencia e unha inactividade que escandalizou ata ao persoal da institución”.

A deputada subliñou que este goberno “é a nada máis absoluta, só dedicáronse a cambiar de nome aos programas que xa existían. De feito, a mellor proba do escaso traballo que fixo o PP este ano foi a pírrica presentación que ofreceron, e a resposta máis clara ao titular triunfalista de Luís López dun ano municipalista foi a escasa presenza dos concellos, incluso os do PP. Apenas dez alcaldes e alcaldesas acudiron, non enganan a ninguén”. Iglesias tampouco esqueceu “a falta de elegancia do presidente, facendo comparativas ridículas co anterior goberno sobre quen se reunía máis. Tiveron que estar horas e horas contando reunións, algo moi produtivo para a veciñanza desta provincia, ironizou, iso debe ser o que chaman tender pontes cando o que parece é que están voando pontes”. A deputada engadiu que “outra boa proba da Deputación tricéfala do PP foi ver onte ás dúas vicepresidencias presentando o seu propio balance e deixando a Luís López como un verdadeiro home de palla. É inaudito”.

“A Deputación lles queda tan grande, dixo, que nos primeiros seis meses dedicáronse ao que mellor saben: vexetar, meter a tixola ideolóxica nas áreas sociais, hachazos directos en áreas como igualdade ou memoria democrática, aplicar a censura, tentar frear escándalos que chegaron pronto como o do deputado da Guarda cobrando sobresoldos ou o caciqueo das entradas da selección feminina e, á vez, capear a crise coa espantada da vicepresidenta Fernández Tapias. Xa, no segundo semestre, engadiu a portavoz, só funcionaron  ao tran tran coa extraordinaria herdanza do goberno anterior: presumir como súas de todas as actuacións que fixo o goberno de Carmela Silva en proxectos, infraestruturas e investimentos e funcionar a golpe de denuncia do PSdeG recibindo ata a 5 alcaldes/as ao día, como fixo nas últimas semanas, para poder dicir que tiña recibido a todos cando tampouco é certo”.

O Grupo do PSdeG-PSOE denunciou que o PP é tamén “o goberno das mentiras continuas e repetidas como fixeron co Plan +Provincia insistindo en que nunca houbo máis diñeiro para os concellos, a yenka de Santa Clara, ou dicindo que o anterior goberno deixou a caixa baleira falseando a situación da Deputación cando o propio interventor asinou un informe confirmando que o anterior goberno deixou máis de 200 millóns de euros e cando eles o que deixaron fai oito anos foi unha débeda de 40 millóns”.

Igualmente, puxo o foco “na deslealdade institucional do PP neste primeiro ano de goberno. A utilización partidista dos plenos con sesións extraordinarias sonroxantes porque se rompía España; funcionando como una sucursal do PP de Génova con todas as súas mocións, ata 13, con reclamacións insólitas ao Goberno central; anomalías democráticas como non avisar aos concellos cando os visitan ou acoden a obras realizadas polo goberno anterior só rodeados por xente do PP; ou ser unha Deputación que funciona co mando a distancia desde a Xunta de Galicia”.

A portavoz socialista denunciou igualmente a «parálise total nas infraestruturas da provincia, xa que todas as obras deste ano en estradas foron redactadas, aprobadas, adxudicadas e financiadas polo goberno anterior”; a falta de xestión en deportes «con axudas aprobadas máis tarde que nunca«; recortes orzamentarios nos programas sociais como +Convivencia; «a desfeita en turismo coa clausura que Luís López segue sen explicar da Oficina de Armenteira; ou o peche das oficinas de SmartPeme o que dá o mellor exemplo da súa aposta pola dixitalización e da que tanto presume”.

Finalmente o Grupo Socialista instou ao goberno de Luís López “a que despois de este ano baleiro para a provincia se poña as pilas e comece a traballar, que se esqueza dos intereses partidistas en todas as súas accións, que recupere a decencia democrática e a lealdade institucional e que mostre dunha vez que está capacitado para gobernar a Deputación aínda que temos moitas dúbidas”.