CEDIDA // Virgen de la Cela de Baredo

Este martes, ás 18:30 horas, terá lugar a primeira xeira de verán polo concello de Baiona en Baredo “Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquial.”, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración do concello de Baiona, que será guiada polo especialista Anxo Rodríguez Lemos.

O punto de encontro será no Cruceiro de Baixo (Alimentación Vicente).

“Nosa Señora da Cela, do aviso da súa aparición na Arquiña á actual igrexa parroquia”

Aquel día repicaron as campás na igrexa parroquial de Baíña. No lugar anexo de Baredo, o común da xente, atopara unha imaxe da Virxe intacta sobre unha pedra do mar, nos Outeiros da Arquiña. Correu a noticia daquel portentoso achádego que, rapidamente, o abade manda trasladar á igrexa de Baíña co fin de expoñela á publica veneración. Cargada nun carro de bois, a imaxe non quixo deixar o territorio baredano onde quedou ata os nosos días.

Erguéuselle unha ermida no lugar da Cela Vella a onde acudían romeiros da Guarda, Oia, Chaín, Panxón ou Baiona a agradecer a intercesión da avogosa santa nos problemas da vida cotiá. Dende O Cruceiro de Baixo, rememoraremos na nosa xeira, aquela aparición traída polo mar picado ata o pé da Cela Vella. Entenderemos a importancia de posuír un santuario de referencia durante a Idade Moderna, o patrimonio material e inmaterial xurdido ao seu arredor, así como a separación no espiritual e administrativo, a comezos do século XIX, de Baredo e Baíña, ata daquela unha soa parroquia.

Vén á primeira xeira do IEM por Baredo, ás 18:30 no Cruceiro de Abaixo (Alimentación Vicente), ao pé da actual igrexa parroquial de Baredo, onde remataremos o noso percorrido circular logo de visitar o lugar da Cela Vella.