A partir do luns 14 de xaneiro e ata o domingo 3 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, vai participar na experiencia 21 Días co Galego e + como representante da provincia de Pontevedra.

Este ano, por primeira vez, organiza o programa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pois xa se viña desenvolvendo coa denominación 21 Días co Galego dende 2013 no IES da Pobra do Caramiñal. Este proxecto recibiu, en 2015, o Premio de Innovación en Dinamización Lingüística e, en 2018, o primeiro acto de recoñecemento a unha actividade educativa da Real Academia Galega.

21 Días co Galego e + é un programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.

Durante estas tres semanas, 447 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato do noso centro, xunto co alumnado do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e mais do IES Otero Pedrayo de Ourense, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua (recreacións audiovisuais de obras literarias galegas, traballos de campo sobre o uso do galego nas empresas da contorna, retransmisións deportivas…). Ademais, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para divulgar o labor cultural do grupo San Roquiño de Goián, as características dialectais máis salientables do lingua galega na zona ou a contribución do Serán da Debullada de Estás para manter vivos estes encontros ao redor da música tradicional.

Ao longo da mañá do luns 14 de xaneiro, terá lugar o acto de inauguración do proxecto no IES Antón Alonso Ríos. Os grupos de clases pasarán polo photocall do evento e serán agasallados cunha camiseta dos 21 Días co Galego e +.

Ademais, tamén foron convidadas as familias, se o cren conveniente, a acompañar as súas fillas e fillos nesta aventura de lle abrir as portas ao galego nas súas vidas fóra das aulas de lingua. É por iso que este proxecto tamén inclúe, en dous domingos, actividades pensadas para ser realizadas en familia

O enderezo do blog de referencia onde se poden ir seguindo os contidos do programa a partir do luns 14 de xaneiro é: 21 Días Co Galego e Máis