IES Auga da Laxe

Este venres 9 de maio, a partir das 20:00 horas, o IES Auga da Laxe de Gondomar celebra o seu primeiro Serán, que será tamén unha homenaxe ás cantareiras, ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Este acto, que contará coa participación de diferentes agrupacións de música tradicional, está aberto a toda a comunidade educativa do instituto e a toda a cidadanía en xeral. Tamén poderán unirse durante a celebración do acto outras agrupacións musicais que o desexen.

A actividade está organizada pola Biblioteca “Agustín Fernández Paz”, do centro educativo, e conta coa colaboración da ANPA “As Gaiandas”. Haberá petiscos para todos os grupos participantes.

Esta proposta forma parte dun proxecto didáctico que se está a desenvolver no instituto con diferentes actividades vinculadas coa música e a cultura tradicional no marco da celebración do Día das Letras Galegas.