O Pazo da Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá o acto de entrega dos NIF ás 10 cooperativas dos 8 centros de educación secundaria da provincia seleccionados para participar na actual edición de “DepoEmprende na ESO”, na que participan máis dun centenar de mozas e mozos de 8 concellos da provincia e nos que están o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui e o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar.
Na presentación dos proxectos, o alumnado participante recibiu o saúdo en vídeo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, no que puxo en valor a cultura emprendedora e destacou a calidade dos traballos. Pola súa banda, o deputado Carlos López Font tamén deu a benvida ao alumnado.
A xornada continuou coa presentación das cooperativas e, posteriormente, foron entregados os NIF. Para finalizar o acto, as alumnas e alumnos dos institutos participantes puideron facer unha visita guiada polo Pazo Provincial e, no Salón de plenos, “A Saco Circo” ofreceu un espectáculo de acrobacias e malabarismos no que todo o público participou de forma activa.
Máis polo miúdo, entre outros, o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui explicou a cooperativa “Pontesur” e o alumnado do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar presentou a cooperativa “Futuronio”.
Nas cooperativas destacan valores como a sustentabilidade, a igualdade ou a non discriminación e, amais, os alumnos sinalaron que parte dos beneficios recadados cos seus proxectos serán doados a diferentes ONGs.
O proceso para o desenvolvemento das cooperativas comeza coa constitución e continúa coa imaxe corporativa e logotipo, o estudo de mercado, a procura de provedores, a busca de financiación, o deseño de catálogo e produtos, a determinación dos prezos, as canles de distribución, a publicidade, a preparación da venda, o marketing, o mercado final da Deputación e, por último, a análise dos resultados.