Esta próxima semana vanse desenvolver charlas de motivación para o alumnado da provincia dos centros educativos participantes no programa DepoEmprende na FP, impulsado pola Deputación de Pontevedra para fomentar o emprendemento na etapa estudantil. Serán en concreto seis os centros educativos da provincia que acollan as xornadas, entre eles o IES Terra de Turonio (Gondomar), o que recibirá a charla este luns as 17:00 horas.

As charlas servirán como unha introdución para os contidos que posteriormente se abordarán durante o desenvolvemento do programa. Máis polo miúdo, tratarán a situación do entorno socioeconómico da provincia de Pontevedra, a necesidade de potenciar a cultura emprendedora na etapa estudantil, as competencias emprendedoras como clave do desenvolvemento persoal e profesional e a fixación dos pasos básicos para a posta en marcha dun proxecto empresarial.

DepoEmprende na FP é unha das tres categorías na que se divide o programa DepoEmprende para escolares, impulsado dende fai tres anos pola Deputación de Pontevedra. As outras dúas categorías son DepoEmprende na Escola para alumnado de Primaria e Educación Especial e DepoEmprende na ESO para alumnado de Secundaria.