monte_pinos
ALFREDO // Archivo

O Instituto de Estudios Tudenses quere manifestar publicamente a súa disconformidade co traslado fóra do concello de Tui do material histórico existente nas dependencias do Viveiro Forestal de Areas, «que conforman unha testemuña patrimonial moi singular do labor medioambiental levado adiante nese lugar polo enxeñeiro tudense Rafael Areses Vidal, nas primeiras décadas do pasado século«.

Dende o Instituto de Estudios Tudenses reclamase que polas entidades implicadas neste tema (a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e a Comunidades de Montes en Mán Común de Areas) «se logre un acordo para que estes testemuños da historia tudense se manteñan no noso concello«, sinalan.

«A creación do Viveiro Forestal de Areas, no ano 1906, é unha iniciativa pioneira en Galicia promovida polo enxeñeiro de montes Rafael Areses Vidal, co obxectivo de achegar plantóns para a festa da árbores, que se quería promover en Galicia, celebrándose o 5 de abril de 1910 na Alameda de Tui en época contemporánea«, explican.

«Pero este Viveiro era tamén lugar de experimentación de numerosas especies arboreas, moitas delas exóticas, e será tamén o subministrador dos procesos de repoboación forestal que se inician en torno a 1909 nos montes de Santa Tegra, Aloia, Baiona e Oia. Son as primeiras repoboacións forestais realizadas de xeito científico e planificado que se desenvolven en Galicia.  Esta idea do aproveitamento forestal para favorecer a riqueza económica do entorno está moi próxima aos actuais conceptos de sustentabidade na xestión do monte«, afirman dende o Instituto De Estudios Tudenses .

«Un dos aspectos que sempre mantivo Areses«, din, «foi a orientación pedagóxica do seu traballo, nun labor definida en moitas oportunidades como un “apostolado” na defensa do arborado e do medio natural. A creación do Museo Forestal no Viveiro de Areas respondía a este obxectivo, como se coñece a través da crónica publicada en Vida Gallega o 15 de agosto de 1917 e que reflicte o carácter pioneiro desta iniciativa museolóxica».

Hai varios anos a Consellería de Medio Rural creou na casa do Viveiro de Areas un Aula Forestal na que, amais das actividades de carácter divulgativo que alí se realizaban, conservaba diverso materia daquel Museo Forestal creado por Rafael Areses nas primeiras décadas do século pasado: unha colección de sementes, material de traballo no monte, etc.

«Agora pola falta de acordo entre a Comunidade de Montes de Areas, a quen por recente sentenza xudicial se lle devolven os montes de Seixos Albos, e a Consellería de Medio Rural, este material histórico é trasladado fóra de Tui«. aseguran.

«O Instituto de Estudios Tudenses reclama das entidades implicadas unha solución para que Tui, pola incuria de todos, non se vexa privado desta testemuña patrimonial que forma parte da nosa historia contemporánea. Igualmente solicitamos que o Concello de Tui apoie esta reclamación e realice cantas accións estean ao seu alcance para evitar esta desfeita que priva ao tudenses de parte do seu acervo patrimonial», apuntan.

«Rafael Areses e o su legado son unha peza singular da historia contemporánea da nosa cidade e os materiais que se conservan deben permanecer en Tui, o seu lugar de orixe e formar parte do patrimonio cultural local», finalizan.