O Mosteiro de Oia acolleu este venres a presentación do libro de Fernando Javier Costas Goberna “En 1939 nos vimos en Oia”, editado por Serra da Groba Edicións, a editorial creada polo Mosteiro de Oia que ten como obxectivo promover e difundir o coñecemento sobre a historia, o patrimonio artístico e natural, e a etnografía da Serra da Groba compartida polos concellos de Oia, Baiona, Gondomar, Tomiño, O Rosal e A Guarda.

O traballo é o froito de anos de investigación que o autor desenvolveu desde a súa vinculación ao monumento como presidente de ACAMO (Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia).

O Cenobio actuou como Campo de Concentración de Prisioneiros do bando sublevado durante os anos 1937 e 1939, acollendo principalmente a presos republicanos da zona do levante español, cataláns na súa maioría. Desde entón foron habituais as visitas de antigos presos ao longo dos anos e actualmente aínda recíbense a familiares achegando nova información e documentos que finalmente foron recompilados na obra presentada onte e que vén completar unha primeira publicación do mesmo autor xunto con Lorena González e Lucía Alvarez “Con outra mirada. Horror da guerra civil española no Mosteiro de Oia, 1936-1939”.

Nesta nova obra o autor relátanos as circunstancias destes presos, a súa chamada para alistarse nas filas republicanas, o seu destino, o seu apresamento, o seu traslado e as precarias condicións da súa reclusión. Todo iso partindo de textos e debuxos deixados por eles mesmos en muros e paredes do Mosteiro, así como os seus propios testemuños, dos seus familiares e dos recordos dos veciños de Oia.

Este libro súmase aos esforzos iniciados pola actual propiedade do Mosteiro de Oia no ano 2005 por protexer estes grafitos, por recoller a memoria viva vencellada a este período, e por musealizar e mostrar ao público estas pegadas únicas deste período da historia do cenobio.

Actualmente a mostra destes escritos forma parte das visitas guiadas diarias que explican os máis de 850 anos de historia do único mosteiro da Orde do Cister á beira do mar.

O evento ao que asistiron representantes das corporacións municipais do Concello de Oia, encabezados pola súa Alcaldesa Dona Cristina Correa e un variado público integrado pola veciñanza así como personalidades da esfera cultural da comarca, estivo presentado polo director do Mosteiro, Xoán Martínez. No mesmo o autor aludiu a súa forte implicación, nestes últimos anos, en Oia e co pobo para reunir a información e testemuños para a súa obra.

A nota emotiva do acto púxoa a cantautora Su Garrido Pombo, que interviu a través dun vídeo no que lle regalou ao autor a interpretación dunha canción tradicional da época histórica na que se encadra a obra.

A publicación estará á venda no centro de recepción de visitantes do Mosteiro de Oia, e nas librerías Atlántica en A Guarda e Librouro en Vigo.