O MUMI inicia a súa V edición cun serán no que a xente pode achegarse para bailar, tocar e pasalo ben. O Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal quere poñer o foco na música tradicional de base, apostando por darlle espazo dentro do contexto profesional, como un eixe clave da nosa cultura.
Se a música de raíz está hoxe máis viva que nunca en todas as programacións e ocupa os escenarios con grandes espectáculos é grazas a unha fornada de músicas e músicos que se coceron na calor dos seráns espallados por toda Galicia onde se mantén vivo o espírito de comunidade orixinal, participativo e horizontal que caracteriza as nosas foliadas. Con esta apertura, o encontro celebra e recoñece o papel fundamental dos seráns na difusión do noso patrimonio oral, e na formación da nosa canteira musical.
O serán comezará esta tarde ás 20:30 horas na Praza de San Fernando de Tui coa participación dos Pandereteiros de O Fiadeiro (Vigo), Arrancaxestas e Pituquiñas da AC Santa Columba (Ribadelouro-Tui); Ai Hox (O Morrazo); Ferraias da ETEA (Vigo); Os Beretes de Chapela; e as Pandeireteiras do Tambor Colectivo (Sárdoma-Vigo).