Esta mañá presentouse en Valença a V edición do Encontro profesional de música Galicia-Portugal, MUMI, na que participaron o presidente e responsable de Cultura da Câmara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra, Roberto Carrero; e a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; que xunto a Ánxela Vila e José Costa, representantes do equipo organizador do MUMI, avanzaron algunhas das propostas que poderán verse na próxima edición do mercado. 

Ánxela Vila presentou os detalles da convocatoria desta edición na que o obxectivo principal é “seguir afianzando este mercado estratéxico para o sector musical de Galiza e Portugal, que se consolida xa como unha das citas imprescindibles para a industria musical galega e portuguesa, promovendo intercambios e abrindo novas oportunidades de negocio para artistas, axencias de representación, promotoras de concertos e empresas técnicas ou de servizos”. Neste sentido, a organización quixo destacar a importancia que teñen nesta cadea as equipas profesionais do sector público, como os departamentos técnicos de Cultura dos Concellos ou as persoas responsables da programación dos teatros municipais, para as que o MUMI pretende ser un punto de encontro. Ademais, resaltouse tamén a importancia fundamental de facer partícipe á veciñanza da Eurocidade Tui-Valença, polo que a maior parte da programación será tamén aberta ao público e gratuíta.

Vila valorou moi positivamente a cantidade e sobre todo a gran calidade das propostas artísticas que participaron na convocatoria de showcases “síntoma de que a música galega e portuguesa están vivindo un momento de moita creatividade e con alto potencial de expansión”. A representante do MUMI engadiu que “isto reafírmanos na necesidade de seguir apostando por este encontro, que dá resposta á necesidade que tanto artistas como axencias teñen de abrirse aos mercados do territorio veciño”.

Despois dun duro proceso de selección motivado polo éxito de convocatoria que se pechou cun total de 242 propostas artísticas candidatadas para os showcases, a feira das industrias musicais galega e portuguesa anuncia a selección de bandas e artistas que van configurar o programa profesional da feira entre o 12 e o 15 de setembro. Seis nomes de Galiza e cinco de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual.

Galicia presentará os directos de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres Portugal achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma.

Desde a equipa organizativa destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2024, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polas vangardas contemporáneas, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar.

Un total de once propostas de bandas e artistas entre as que se atopan tanto emerxentes como traxectorias consolidadas, que xa están funcionando moi ben nos seus respectivos territorios e queren abrirse a outros mercados, o que desde a equipa organizadora do MUMI valoran como “un feito que demostra a solidez da escena e a necesidade da industria musical de contar cun espazo como o MUMI”.

Consolídase a colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa

Na presentación tamén se anunciou a banda escollida dentro do acordo de colaboración iniciado na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o mercado de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Grazas a este intercambio, o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador, que habitualmente mestura músicas tradicionais de todo o mundo e que se presentará no mercado galego-portugués co directo do seu novo álbum Ocells, integramente en catalán e inspirado nos paxaros, onde experimentan coa canción tradicional catalá e introducen por primeira vez na súa discografía instrumentos como o acordeón, a gaita e o cavaquinho.

A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición en outubro a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre as dúas feiras, e grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Fira e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, que financiará a participación da banda galega. Mondra terá a oportunidade de realizar um showcase para presentar o seu traballo A folía das ardentes neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo.

Ademais o MUMI contará cun programa de conferencias, palestras, speedmeetings e sesións de traballo conxunto, xunto a outras propostas musicais, ainda por anunciar, que serán convidadas a participar no encontro.

Continúan abertas as inscricións profesionais 

As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina Mumi Musicas sen ningún tipo de custe ata o 8 de setembro para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmeetings ou encontros rápidos entre profesionais. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita neste mercado de músicas que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença, e a colaboración da Deputación de Pontevedra, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal e a Fundação GDA.