O MUMI pecha hoxe a súa quinta edición despois de catro intensos días de actividade. Máis de 250 profesionais participaron no mercado que conecta as músicas galegas e portuguesas e que ofrece un espazo de encontro para a industria musical dos dous territorios.
As roldas de negocios en formato speedmeetingsucedéronse durante o venres e o sábado, con cheos durante as dúas xornadas e uns resultados finais case 350 encontros entre programadores e artistas. Nestas entrevistas onde se presentan propostas musicais a responsables de programación de salas, teatros, festivais e ciclos de entidades públicas e privadas actívanse as contratacións dos concertos que veremos nas cidades e vilas galegas durante os próximos meses, confirmando ao MUMI como o escaparate de referencia para coñecer os traballos de bandas e artistas da Galiza e Portugal de cara ás programacións da próxima tempada.
Portugal é un territorio natural para internacionalizar as nosas músicas
O MUMI funcionou como un punto de encontro de máis de 200 profesionais e empresas da industria musical que tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecer tendencias do sector nos faladoiros tratando temas como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro festivais; as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos; a forma de comunicar cultura en Galiza e Portugal; e unha palestra sobre management musical onde se analizaron as claves sobre o acompañamento de carreiras artísticas musicais e o posicionamento de artistas emerxentes.
En todos eles constatouse que Portugal é un territorio natural para internacionalizar as nosas músicas coa facilidade que supón a proximidade lingüística, cultural e xeográfica, que nos axuda a tecer sinerxías e que pode facer moito máis fortes e produtivas as industrias musicais de ambos países.
12 bandas presentaron os seus novos traballos nos escenarios do MUMI
No programa de showcases ou concertos de presentación en formato curto presentaron os seus novos traballos as bandas galegas Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo, que estrou na feira o seu novo proxecto de banda, Traspielas; mentres Portugal achegou as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma. Ademais, dentro da colaboración iniciada na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador.
A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición en outubro a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre as dúas feiras, e grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Fira e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
Os talentos emerxentes da música galega participaron na feira como parte da súa formación
Nesta edición o MUMI teceu tamén unha alianza co programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Xunta e desenvolvido pola Fundación Paideia, que nesta edición premitiu que asistisen á feira French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas e Amoebo.
Estes proxectos beneficiarios de Sonemerxente tiveron a oportunidade de asistir aos showcases e faladoiros do venres e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical, e mantendo reunións con responsables de programación de empresas privadas.