O persoal de Alten, empresa que traballa para a compañía do sector vigués da automoción BorgWarner, iniciou hoxe unha folga indefinida para rexeitar «os despedimentos e a ameaza do cese da actividade se non se retiran as demandas por cesión ilegal de persoas traballadoras», sinalan nun comunicado desde a CIG.
Os afectados que permanecen pechados nas oficinas da compañía dende o pasado xoves 19 de febreiro, desenvolveron unha concentración este mediodía diante das instalacións de Porto do Molle, en Nigrán.
Con estas accións o persoal quere denunciar tamén «a campaña interna de chantaxes, coaccións e ameazas posta en marcha en xaneiro pola dirección de Alten co coñecemento de BorgWarner, empresa que recibe millóns de euros de cartos públicos en subvencións”, apuntan.
Dende a CIG lembran que a Inspección de Traballo ditaminou en 2024 cesión ilegal de persoal por parte de Alten a BorgWarner, «tras o que moitas das persoas traballadoras interpuxeron demandas xudiciais para reclamar os seus dereitos”. Agora, cando se aproxima a celebración dos primeiros xuízos, “as compañías optaron por medidas de presión para impoñer a precariedade laboral”.
Aseguran que entre elas está o despido de catro persoas empregadas, «mentres que outras sete se atopan baixo ameaza de remate de proxecto se non retiran a demanda, o que suporía renunciar aos seus dereitos laborais a afondar na precarización do traballo nas dúas empresas”.
En consecuencia, o cadro de persoal decidiu pecharse no interior das instalacións da empresa e iniciar unha folga indefinida, ademais de convocar un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración en Porto do Molle.
Fonte: CIG
