O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes solicitarlle ao Goberno central a liberación da peaxe da AP-53, que une Santiago e Dozón, ao mesmo tempo que reitera o seu rexeitamento contra a suba das peaxes desta autoestrada e tamén da AP-9, así como avanzar na transferencia da titularidade desta última á Xunta de Galicia.

Sesións plenarias que serviron tamén para aceptar a encomenda do Concello de Baiona para sumarse ao servizo de inspección e vixilancia en materia de residuos municipais, ademais de dar conta da renuncia ao seu cargo como deputado provincial do voceiro do grupo socialista, Carlos López Font.

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, foi o encargado de defender a moción contra a suba das peaxes nas autoestradas que discorren pola provincia, a AP-9 e a AP-53. “Co inicio do 2024 confirmouse unha vez máis unha nova suba das peaxes na autoestrada estatal, a AP-9, que acada o 6,55 %. A esta suba súmase tamén a efectuada na AP-53 que chega ao aumento do 5,07 % nas tarifas entre Santiago de Compostela e Lalín”, lamentou o deputado, quen denuncia o “agravio comparativo” que están a padecer os galegos con respecto ao resto de autoestradas de competencia da administración central, “posto que a tendencia é rebaixar as peaxes, todo o contrario do que se está a aplicar en Galicia”.

Neste sentido, desde o grupo provincial do PP instan o Goberno central a seguir o exemplo da Xunta, que conxelou por segundo ano consecutivo as autoestradas autonómicas entre Vigo e Baiona e entre A Coruña e Carballo ou que iguale o treito da AP-53 entre Dozón e Santiago co que une Ourense e Lalín, que o goberno autonómico mantén gratuíto.

Por estes motivos, propuxeron ao pleno unha proposta de acordo, que saíu adiante cos votos do grupo do PP e do BNG, consistente en expresar o rexeitamento da corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, esixirlle ao Goberno de España os correspondentes avances na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 e solicitarlle tamén a liberación da peaxe do treito da AP-53 entre Santiago e Dozón para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.

Unanimidade houbo para aprobar a unión do Concello de Baiona ao convenio para que a Deputación de Pontevedra asuma a prestación do servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos. Un acordo que busca mellorar as cifras de separación de residuos para cumprir coa normativa europea do que xa forman parte quince concellos da provincia e que dispón dun orzamento de preto de medio millón de euros.