Bouzavella

Co apoio en solitario do BNG, a corporación de Nigrán acordou instar ao Goberno municipal a que realice un proxecto de seguridade viaria para a rúa Bouzavella, en Panxón, «ao absterse tanto o grupo municipal do PSOE como o do PP».

Este proxecto debe permitir a sinalización dun espazo para o tránsito peonil ao longo da vía, que na actualidade a veciñanza ten que realizar por unha calzada que soporta unha grande intensidade de tráfico, especialmente no verán.

«Esta resolución prodúcese despois de que o BNG reiterara a proposta que xa presentou no pleno do pasado mes de setembro, rexeitada entón polo Partido Socialista para substituíla por unha consulta sobre o establecemento ou non dunha dirección única para a rúa, posibilidade que foi desestimada polos empadroados nesta vía tras un axustado resultado e despois de cambiar varias veces o “censo” dos posibles votantes», sinalan dende o BNG.

Como sinalou o portavoz municipal do BNG, Xavier Rodríguez, «a moción nacionalista non establece en ningún momento se a vía debe ser ou non de sentido único, xa que entendemos que non é ese o noso cometido, senón que se limita a esixir que se dote de seguridade aos peóns que transitan por ela».

Afirman que o problema nin desaparece nin se soluciona cunha consulta sobre o sentido da circulación do camiño, «aínda así a veciñanza segue reclamando unha resposta, como fixeron este pasado venres cunha concentración na propia rúa».

O BNG esixirá que este acordo se materialice ao longo do próximo ano e se redacte o demandado proxecto.