O pleno do Concello da Guarda aprobou na sesión plenaria celebrada no día de onte unha moción do BNG na que se acorda que os rótulos, indicadores e sinalizacións do concello estarán en lingua galega, tal e como marca a ordenanza para o uso da lingua galega.
Así mesmo, acordou substituír as placas de todas as rúas e lugares da localidade que non están en galego por outras na lingua propia para dar cumprimento á Lei de normalización lingüística, que recolle que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.
O portavoz do BNG, Anxo Baz, criticou con dureza ao goberno municipal por incumprir sistematicamente a lexislación en materia de normalización lingüística. “En vez de corrixiren o rueiro municipal para adaptalo á lei, facendo gala dunha absoluta falta de respecto pola nosa lingua e pola legalidade vixente, colocan novas sinalizacións que vulneran a ordenanza para o uso da lingua galega”.
O nacionalista rematou a súa intervención dicindo, “a situación do galego, en claro declive tal e como se ve reflectido nos estudos realizados nos últimos anos, esixe actuacións claras que permitan reverter esta tendencia. As administracións e poderes públicos, ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos, teñen a obriga legal de promoveren e garantiren o uso do galego”.
