O Partido Popular afiánzase no Porriño. A maioría dos porriñeses optan pola Galicia que Funciona, a Galicia de Alfonso Rueda e así o amosaron onte na cita coas urnas. O Partido Popular álzase unha vez máis coa vitoria na vila do Louro incrementando en 5,32 puntos os resultados obtidos respecto das últimas eleccións autonómicas, en xullo de 2020 con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, cando tamén os populares foron a forza máis votada e a gran distancia da segunda e terceira. Ademais, nesta ocasión, O Porriño convértese no municipio de toda a provincia de Pontevedra onde más creceu o Partido Popular.

Os resultados provisionais dos comicios ao Parlamento galego celebrados este 18 de febreiro son de 5.139 votos para o PP, o que supón un 48,19% dos sufraxios. En 2020 esas cifras foron de 3.813 e 42,87%, respectivamente. “Son, sen dúbida, uns resultados excelentes, que demostran que o pobo do Porriño está con nós, que valora de xeito moi positivo a xestión do Partido Popular en tódalas cuestións que repercuten ao noso municipio”, explica o alcalde e presidente do PP local, Alejandro Lorenzo. O de onte é un punto e seguido ao sucedido o pasado mes maio, cando Lorenzo conseguiu unha maioría absoluta histórica no Porriño. Cos populares no goberno, a vila non deixa de crecer e progresar en beneficio de toda a veciñanza, “e gran parte grazas á colaboración brindada sempre dende a Xunta de Galicia presidida por Alfonso Rueda”, remarca o rexedor local, porque “xuntos conseguímolo”.

Os máis de 5.100 votos contabilizados onte, case o 50% dos sufraxios, supón unha cifra moi por riba dos nacionalistas que ocuparon o segundo posto co 34,57% dos votos e xa lonxe dos socialistas que, na liña rexistrada en toda Galicia, tiveron un considerable descenso de 9,25 puntos acadando só o 10,61% das papeletas.

O Partido Popular agradece a implicación da veciñanza nesta xornada electoral. Mostra diso o incremento notable da participación, tamén en consonancia con todo o territorio galego, que nesta ocasión foi de case un 10% máis. Así, mentres en 2020 rexistrárase un 57,16% de participación, na deste 18F alcanzouse a cifra do 67%. “Agora só queda agradecer toda a confianza depositada en nós, asegurándovos que seguiremos traballando igual ou máis os vindeiros anos. Non vos fallaremos”, conclúe Lorenzo.