O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa Federación Galega polo Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, para coordinar a colaboración do ente público co XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais que o colectivo organizará no porto pontevedrés da Guarda en 2019.

Á xuntanza acudiron tamén representantes da Confraría de Pescadores da Guarda e do Concello para establecer as condicións de consenso para a celebración do evento. A colaboración de Portos de Galicia con este evento quedará reflectida nun convenio con todas as partes implicadas.

O encontro celebrarase no peirao guardés entre o 11 e o 14 de xullo de 2019 e contará coa presenza de máis de 150 embarcacións tradicionais chegadas de diversos países europeos. O obxectivo desta actividade é a difusión do patrimonio cultural marítimo e nesta liña se centrará a colaboración de Portos de Galicia.