A candidato popular de Salceda de Caselas, Ana Cristina Pérez Cabaleiro, vén de presentar, acompañada dos demais candidatos xóvenes de Pontevedra, as propostas para a mocidade do PP de Galicia para a vindeira lexislatura e cualificounas como “as mellores de España”, posto que inclúen a gratuidade da matrícula universitaria e do transporte público -que xa está vixente- e numerosas liñas de axudas para acceso á vivenda, deporte, emprego, emprendemento e lecer.

Ana Cristina Pérez detallou todas estas medidas e os seus beneficios para os mozos das comarcas do sur da provincia, Baixo Miño, Val Miñor e Condado-Paradanta, sinalando que os 4.150 universitarios que adoita ter cada ano esta zona vanse beneficiar desde o vindeiro curso, se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta o 18 de febreiro, da primeira matrícula de balde en todas as materias dos graos, o que supón unha achega de ata 3,1 millóns de euros anuais.

A tamén concelleira salcedense salientou outras vantaxes da política xuvenil da Xunta, como os 15.445 mozos de Redondela, Baixo Miño, A Louriña, Val Miñor, O Condado e A Paradanta que se benefician da gratuidade no transporte público grazas á Tarxeta Xente Nova.

En concreto, está a ser empregada na actualidade por 2.237 xóvenes de ata 21 anos de Redondela, 1.774 de Ponteareas, 1.479 de Nigrán, 1.345 do Porriño, 1.189 de Baiona, 1.103 de Tui, 969 de Gondomar, 960 de Mos, 845 de Salceda de Caselas, 747 de Salvaterra, 685 de Tomiño, 559 da Guarda, 390 do Rosal, 220 de Mondariz, 218 da Cañiza, 207 das Neves, 181 de Oia, 131 de Arbo, 107 de Covelo, 65 de Crecente e 34 de Mondariz-Balneario.

No eido da mobilidade, recalcou tamén que o PP, desde a Xunta, ofrece a posibilidade de colaborar economicamente cos mozos desempregados de ata 30 anos para a obtención do carné de conducir con axudas de 400 euros para o permiso de turismos e ata 1.300 no caso de camións. Dita subvención ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de setembro e conta cunha partida de 800.000 euros.