O Partido Popular manifesta a súa profunda preocupación ante a recente aprobación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida do lixo, que xunto a implantación da plusvalía municipal e a suba do IBI, é xa o terceiro imposto que incrementan o partido socialista e o BNG no que vai de ano.

O voceiro popular, Nico Montes, considera que esta suba “salvaxe e completamente desproporcionada” supón un novo golpe á economía das familias, especialmente ás que residen nas parroquias, que en moitos casos sufrirán un incremento de máis dun 300% no pago de dito imposto. “Por exemplo, unha familia de 4 membros que resida nunha parroquia do noso concello, pasará de pagar 55,33 € ó ano, a pagar 167,22 € co novo taxazo municipal, o triple que ata agora, e no caso de que residan na zona urbana, o incremento do imposto suporá máis dun 230%, pasando de recadar de 84,79 €/ ano a 196,52 €/ ano”.

A nova ordenanza do lixo contempla unha parte fixa segundo onde se atope a vivenda, de 146,52€ na zona urbana ou de 117,22€ no rural, e outra variable que ven dada polo numero de persoas empadroadas, partindo en 20€ no caso de 1 persoa, 30€ de dúas, e así consecutivamente.

“Nun contexto de crecente inflación e perda de poder adquisitivo, a nova ordenanza establece un aumento moi significativo e impacta de maneira desproporcionada nos petos dos cidadáns», indica Nico Montes, e destaca “que ademais, resulta especialmente gravosa para as familias con máis membros e os pensionistas, que xa de por si se enfrontan a moitas dificultades económicas”.